Rubén Domínguez dirixirá por sexta tempada o Cortegada

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O adestrador traballa xa na confección do plantel, co club pendente inda de coñecer con que orzamento poderá contar. Alejandra Nogueira di outra vez adeus ao equipo e ao baloncesto

20 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A continuidade volverá marcar o novo proxecto da Agrupación Deportiva Cortegada na Liga Feminina 2. O club vilagarcián confirmaba onte a renovación de Rubén Domínguez á fronte do seu primeiro banquiño, que dirixirá por sexta tempada consecutiva.

Preguntámoslle onte ao técnico pola súa motivación para repetir. «Seguir haciendo crecer el proyecto», dinos. «Vivo en Vilagarcía, y creo que uno debe aportar a la sociedad en la que vive, y yo puedo hacerlo a través del deporte», engade. No seu caso, o seu labor na A.D. Cortegada, salienta, «me permite compatibilizarlo con mi trabajo» de psicólogo deportivo, cunha praza ademais de profesor asociado en Psicoloxía Evolutiva e da Comunicación na Facultade de Educación da Universidade de Vigo.

Domínguez leva un tempo traballando xa na confección do plantel 2018/19 do club vilagarcián na LF2 man con man con Diana Piñeiro, cuxa renovación semella tamén cousa feita. Un labor condicionado polo feito de que inda hoxe «la directiva está trabajando para apuntalar la parte económica», sen un orzamento pechado en tanto non se asegure, entre outras cuestións, a continuidade ou, no seu defecto, a aparición dun relevo ao apoio que nas dúas últimas campañas lle veu prestando Kemegal ao club compensando economicamente a rotulación do seu nome na camisola do plantel.

 

Media ducia de renovacións

Dentro da filosofía conservadora que desde hai anos guía o deseño de cada un dos proxectos da directiva da Agrupación Deportiva Cortegada, Rubén Domínguez adiantou que «nuestra idea es que continúen cinco o seis jugadoras de la última plantilla». E neste capítulo concreto, máis aló da xa anunciada continuidade da gran capitana e estrela do equipo, Sara Gómez, o certo é que «las renovaciones van bien; sé que se ha adelantado bastante en este aspecto, y que próximamente se irán comunicando novedades», sinala o de novo técnico do conxunto vilagarcián.

 

«Viendo muchísimas jugadoras»

O adestrador do Cortegada sinalou que «Diana y yo estamos intentando hacer el mejor equipo posible». E dando por feito que, inda no mellor dos casos, o da consecución dun patrocinador, o orzamento dispoñible volverá a ser modesto, «estamos viendo muchísimas jugadoras». O único método a man dos modestos para poder confeccionar un plantel competitivo, ás veces ata con premio.

Alejandra Nogueira di outra vez adeus ao club e ao baloncesto

Entre as xogadoras que finalmente aparezan no apartado de renovacións non figurará o nome de Alejandra Nogueira. A canteirana, que tras tempada e media retirada volvía a finais da pasada campaña a vestirse de curto para axudar o Cortegada nos dez últimos partidos de Liga logo da saída do equipo de Belén Mejías, «tiene otros objetivos en su vida», desvela Rubén Domínguez. O adestrador cualifica de «una pena» o non da base vilagarciá á proposta para prolongar o que agora remata nun fugaz regreso ás canchas, por canto «nos ha ayudado todas las veces que ha estado en el club».