Rafa Sáez fala de distancia «salvable» fronte á xeira de resultados

VILAGARCÍA DE AROUSA

BASILIO BELLO

Co Arousa a 5 puntos da zona de fase de ascenso, o técnico lembra que restan 22 partidos

11 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Con 27 dos 48 puntos disputados ata o momento no seu haber, o Arousa pechaba a pasada fin de semana a decimosexta xornada de Liga sexto na clasificación, a dous postos e a 5 puntos dunha zona de promoción que hoxe pecha o defensor do título no grupo galego da Terceira División, o Compostela. O empate a uns no feudo do oitavo clasificado, o Laracha, consolida o freo sufrido polo conxunto adestrado por Rafa Sáez, que despois de sumar os seus primeiros 18 puntos nas sete xornadas de inicio do campionato regular, tan só foi quen de engordar noutros 9 a súa conta particular nos nove encontros seguintes, con dous triunfos e tres empates, por catro derrotas encaixadas.

Preguntado pola cuestión, o adestrador do cadro arlequinado, Rafa Sáez, declaraba onte que «estamos a unha distancia salvable, e iso a falta de 22 xornadas de Liga non é nada». De feito, engade, «con algún equipo recurtamos puntos a pasada fin de semana», en referencia a un Barco que caía 0-2 co líder, Bergantiños.

Na mesma xornada da tempada pasada o Arousa aparecía á mesma distancia da zona de promoción, 5 puntos por debaixo, só que daquela con seis equipos antepoñéndose entre el e o seu obxectivo.

Comezar a recuperar o terreo perdido pasa por cumprir este domingo co guion, impoñendo a lóxica na visita que o Racing Vilalbés, antepenúltimo na clasificación, fará á Lomba. Rafa Sáez confía en poder recuperar para a súa lista a Julio Rey, agardando a ver hoxe os resultados da resonancia practicada ao castigado nocello de Pacheco.