Roi Casal gravará no auditorio de Vilagarcía e no Gran Teatro da Habana a versión en directo de «Son Galego, Son Cubano»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

s. g.

As entradas para o concerto, que se desenvolverá o sábado, 9 de marzo, xa están á venda e serán gratuítas para os meniños menores de tres anos

21 feb 2019 . Actualizado a las 20:05 h.

Que o Himno Galego se estrease no seu día na Habana di moito dos fondos vencellos que unen a Galicia con Cuba, tamén no eido musical. No 2016, Roi Casal teceu un nó aínda máis forte ao estrear, no Gran Teatro da Habana, o seu disco Son Galego, Son Cubano. Foron dúas noites irrepetibles ás que só se lles puido poñer un pero. Xosé Neira Vilas, autor das letras, o lendario autor de Memorias dun neno labrego, finaba sen poder ver reflectido sobre un escenario o froito do seu traballo conxunto con Roi. Logo dunha prolongada xira que xa recalara na capital arousá hai dous anos, Vilagarcía volve aliarse coa ponte musical entre galegos e cubanos ao servir o seu auditorio como un dos dous recintos nos que a banda, formada por músicos das dúas beiras do Atlántico, gravará en directo a experiencia Son Galego, Son Cubano. O outro será, de novo, o Gran Teatro da Habana que, na visión do arpista catoirense, simboliza coma ningunha outra obra a influenza e a poderosa raizame que os galegos chegaron a acadar na illa caribeña.

A sesión vilagarcía vaise gravar o sábado, 9 de marzo, ás 21 horas. Roi Casal asegura sentirse moi cómodo en Vilagarcía, practicamente na casa. O auditorio, por outra banda, ofrece as condicións técnicas acaídas para levar a bo porto un proxecto desta envergadura. «O disco sairá logo do verán, e os concertos de Vilagarcía e A Habana serán a súa parte nuclear», explicou o músico, que vén de presentar o concerto xunta a concelleira de Cultura, a socialista Sonia Outón. «Vai ser un concerto moi especial no que incorporaremos unha sección de baile», promete Roi. As entradas poden mercarse xa a través do portal ticketea.es e costarán 12 euros para os adultos, en calquera das tres zonas de butacas, e 6 para os rapaces de tres a doce anos. Os meniños menores desa idade entrarán de balde, se ben será preciso retirar unha invitación previamente.