Tecnoverán, outra forma de pensar as vacacións na vila

vilagarcía / la voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O programa desenvolverase durante as dúas primeiras semanas de setembro

19 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Concellería de Xuventude de Vilagarcía organiza unha nova edición do Tecnoverán, unha proposta formativa na que corenta mozos e mozas poderán adquirir coñecementos sobre as novas tecnoloxías traballando os eidos da innovación e a creatividade. Este ano celebraranse dous campamentos diferentes, o Tecnoverán, para rapazada de 14 a 17 anos, e un Hackathon -Hack the Vila- para a mocidade de 18 a 30 anos.

Os obradoiros celebraranse a primeira e segunda quincena de setembro, xusto antes do inicio do curso, e a súa participación é totalmente gratuíta. Ofértanse 20 prazas en cada campamento a desenvolver no Centro de Formación de Matosinhos, e o prazo de inscrición ábrese o vindeiro luns, 24 de xuño.

Os contidos que se abordarán nestes campamentos teñen un claro enfoque tecnolóxico. Presentaranse as diferentes tecnoloxías que agora se están a usar no mercado (programación, robótica, deseño e programación de aplicacións, realidade virtual, aumentada e mixta, deseño e impresión 3D, drons…, así como as tendencias de futuro da industria 4.0). A intención é que os participantes as coñezan de primeira man e aprendan a manexarse con algunha delas. Ademais, os obradoiros teñen unha compoñente transversal tendente a acadar obxectivos de empregabilidade, orientando ao alumnado cara ao emprendemento baseado nas habilidades sociais e valores como o respecto persoal, a igualdade de oportunidades entre homes e muller e a sostibilidade medioambiental.

O prazo de inscrición para participar nestes obradoiros tecnolóxicos vai do 24 de xuño ao 22 de agosto. Os impresos pódense recoller na Concellería de Xuventude ou imprimir do taboleiro de anuncios da web www.vilagarcia.gal e da sede electrónica do Concello, e deberán presentarse no rexistro xeral do Concello, de luns a venres en horario de 8.30 a 13.45 horas.