Aragonés, Jacobo García, Andrés López, Meaños e Pedro Muñoz, candidatos a Mellor Deportista Vilagarcián 2018

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Celestino Brianes será recoñecido cunha Mención de Honra, e con Mencións Especiais o Atlético Arousana Ju Santórum, Sandra Estrada, o Torneo EncestaRías, Martina Oubiña Miser e Garavilla

26 nov 2019 . Actualizado a las 21:31 h.

A XXIX Festa do Deporte Local de Vilagarcía xa coñece o nome dos cinco candidatos que o seu xurado elexíu para a escolla do premiado como Mellor Deportista do Ano. Unha selección na que se tiveron en conta os méritos colleitados ao longo da tempada 2017/18 e do ano pasado, en función da estrutura dos calendarios de cada disciplina deportiva. Jordi Aragonés Posse, Raquel Meaños Asensi, Andrés López Torres, Jacobo García García e Pedro Muñoz Fole. Un deles subirá o venres 13 de decembro ao estrado do Salón García a recoller o máximo recoñecemento.

Para Aragonés e para Meaños sería engordar o seu historial na Festa do Deporte Local de Vilagarcía, tras recibir os premios das dúas anteriores edicións. O preparador físico do Wisla Can Pack Cracovia de Polonia volve aparecer no listado de candidatos pola cita anual que desde o 2013 mantén cos grandes podios internacionais en calidade de integrante da selección española feminina de baloncesto; no 2018, bronce no Mundial.

A atleta do Valencia Esports reuníu o ano pasado os subcampionatos de España Sub-20 de pista cuberta e ao aire libre dos 800 metros, e a súa estrea no panorama internacional dun deporte tan híper competitivo como o atletismo, no Mundial da mesma categoría.

As credenciais de Andrés López para o premio a Mellor Deportista Local inclúen os títulos nacionais de duatlón, de acuatlón, de triatlón esprint e de triatlón cross da súa categoría de idade de veteráns.

E se López é o nominado de maior idade, Jacobo García é o máis novo. O regatista do Real Club Náutico Sanxenxo opta ao galardón como campión de Europa e do Mundo Sub-17 da clase preolímpica 420 no 2018.

Nese mesmo ano Pedro Muñoz Fole colgábase as medallas de ouro que o acreditaron como mellor especialista de kenpo do mundo en combate semikenpo de menos de 70 quilogramos e en kata, ambos na categoría Sub-21.

Os cinco candidatos a Mellor Deportista Local 2018 serán os últimos en subir ao estrado do Salón García. Na gala do 13 de decembro serán precedidos polas persoas ou representantes dos profesionais, organizacións, clubs e empresas recoñecidas coas Mencións Especiais acordadas este ano polo xurado da Festa do Deporte Local.

Celestino Brianes Lojo será lembrado coa Mención de Honra a Título Póstumo por toda unha vida dedicada á promoción de múltiples disciplinas deportivas en Vilagarcía, tanto en clubs como desde a propia Fundación de Deportes. A A.D.C. EncestaRías levará a Mención Especial á Organización de Eventos pola cuarta edición do seu torneo ACB de pretempada, Sandra Estrada, do C.X.R. Vilarousa, a Técnico Deportivo, José Ramón Santórum, Ju (Os Ingleses), a Directivo, Garavilla S.L, a Empresa, e o Atlético Arousana á Traxectoria cando cumpre 25 anos de existencia.

Mención especial á redactora gráfica de La Voz de Galicia Martina Miser

A Festa do Deporte de Vilagarcía inclúe unha Mención Especial dedicada a recoñecer o traballo dos profesionais que informan á cidadanía do esforzo e dos logros dos seus deportistas. Martina Oubiña Miser, reporteira gráfica de La Voz de Galicia, recollerá o 13 de decembro dito galardón, tras inmortalizar coas súas fotografías boa parte dos grandes éxitos colleitados polo deporte vilagarcián os últimos 20 anos.