Bernardo Viqueira, a humanidade como mellor medicina

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

O doutor de Carril finou esta mañá cando ía a unha consulta ao hospital. Tiña 68 anos

03 abr 2020 . Actualizado a las 21:05 h.

Vestido coa súa bata branca, Bernardo Viqueira Pérez pasaba consulta no segundo andar do centro de saúde de Vilagarcía. Nunca foi o meu médico, pero agradecía que, cando o meu doutor non estaba, o sistema me confiase ás súas mans. Se o problema tiña que ver con algún dos pequenos, mellor aínda. Un sorriso, bo ollo clínico, diagnóstico, receta, un par de bos consellos, algún aloumiño para o pícaro e sempre unha conversa que lle daban outra cor ao ambulatorio, un lugar ao que ninguén vai por gusto e só moi poucos por afición, que tamén os hai. Cada vez que escoito algún médico argumentar que este sistema aloucado de amorear pacentes diante dos seus despachos ten que frear dalgún xeito, porque o exercicio da súa profesión require un mínimo de tempo dedicado a cada persoa, lembro a Bernardo e o seu xeito de administrar saúde, impensable sen unha enorme dose de humanidade.

O doutor de Carril finou hoxe á mañá, no hospital, cando ía ao oculista xunto á súa dona Victoria Hierro, concelleira en Vilagarcía durante moitos anos. Xa se sabe que os corazóns máis grandes non sempre son os máis resistentes. Tiña só 68 invernos, e non servirán unhas liñas para consolo de Victoria nin dos seus dous fillos. Tampouco do irmán e as catro irmás que fican deste lado, dos sobriños, cuñadas e cuñados, amigos, que sei eu, de todos cantos coñeceron e quixeron a Bernardo. Apenas son memoria feita de tinta e papel.

Foi o único fillo de Nicolás Viqueira e Concha Pérez que seguiu o camiño do pai e do bisavó Valentín, e deu en estudar medicina. Exerceu ata que a enfermidade aconsellou deixar o fonendo para se coidar un pouco. Nin por esas perdeu o humor nin a vontade de festexar como a vida merece. No 2016, o Gato Negro impúxolle a súa insignia de honra. E hai tan só uns días, xusto antes de que este coronavirus nefasto nos pechase a todos na casa, os amigos quixeron convidalo no Ruedo nunha pequena homenaxe que agora, inevitablemente, gaña un arume impensado a despedida. Tempo haberá cando todo isto remate para brindar con el, como el brindaría con nós, en calquera recuncho de Carril a esa hora na que o daquí e o dacolá semellan fundirse sobre a brétema de Cortegada...