Un central e un mediocentro completarán o novo Arousa

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

O equipo iniciará a pretempada o martes 27, con media ducia de canteranos

18 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O primeiro proxecto do Arousa por enriba da Terceira División en 27 anos está practicamente pechado tras a renovación de 14 dos 19 futbolistas que levaron o equipo arlequinado ao ascenso á Segunda División R.F.E.F. de nova creación e as fichaxes do centrocampista Diego Diz e mais dos dianteiros Luismi, Nuño e Pablo Porrúa. O anuncio da contratación deste último o pasado luns e da continuidade de Cotilla, de Pedro García e mais de Róber o xoves deixou a confección do novo cadro de xogadores que dirixirá Jorge Otero a tiro de dúas incorporacións máis.

O predecesor de Jorge Otero e desde o mes pasado director deportivo do Arousa, Rafa Sáez, explicou que o club busca un mediocentro que se sume a Sidibé, a Mon e a Pedro García e tamén un central, preferiblemente con capacidade para desenvolverse tamén nun costado da zaga. Cunha ficha sénior inda dispoñible, a intención inicial é que esta última sexa ocupada polo centrocampista que se poida axenciar no mercado, buscando un Sub 23 para o último oco na defensa.

O desexo da área técnica do Arousa é poder contar coas dúas pezas restantes para o inicio da pretempada. Un día D que xa ten data. Será o martes 27 cando os homes de Jorge Otero inicien a súa posta a punto coa vista no debú na Segunda División R.F.E.F., fixado para o 5 de setembro. Por diante, practicamente seis semanas, nas que Rafa Sáez prevé entre sete e oito partidos de preparación.

Estes últimos inclúen os enfrontamentos que lle depare ao Arousa a súa participación na Copa R.F.E.F. De feito, o director deportivo do club arlequinado sinalaba esta semana que a evolución no torneo supeditará o resto do calendario de choques de rodaxe. Deste xeito, o único fixo a día de onte é que os de Jorge Otero terán a súa primeira pedra de toque o domingo 8 de agosto na Lomba, co Rápido de Bouzas, nos oitavos de final da fase galega da Copa R.F.E.F. De pasar o cruce, mediránse o 15 de agosto ao gañador do Choco-Coruxo.

Desde as oficinas do Arousa indicaron que Rodrigo Lijó será o único xogador acabado de saír da canteira do club que faga a pretempada co primeiro equipo. Faráo xunto a catro ou cinco futbolistas dos conxuntos xuvenís arlequinados.