O Concello de Vilagarcía encarga o redeseño de Conde Vallellano que completará a humanización do seu centro urbano

p.p. vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O goberno local contrátalle o proxecto ao mesmo arquitecto que se ocupou das reformas da praza de Galicia e de Arcebispo Lago

02 mar 2023 . Actualizado a las 22:25 h.

A humanización e mellora da accesibilidade no centro urbano de Vilagarcía de Arousa, que o goberno local encabezado por Alberto Varela converteu en bandeira da súa xestión nestes últimos oito anos, está a dous proxectos de pechar o círculo. O que redactará a arquitecta Lucía Araújo para o treito da avenida da Mariña fronte á praza da Peixería. E o que vén de contratarlle o Concello a Mariano Vázquez para a rúa Conde Vallellano, cun montante de 14.000 euros a cargo da subvención da Rede Ágora da Deputación para a recuperación de espazos públicos e a creación de sendas peonís e/ou ciclables.

A contratación de Mariano Vázquez non é accidental. O goberno local apostou por deixar a reforma de Conde Vallellano en mans do arquitecto que proxectou as humanizacións anteriores na contorna da rúa, as da praza de Galicia e de Arcebispo Lago. Deste xeito, explican desde Ravella, preténdese ofrecer unha imaxe unificada e de continuidade do corazón do casco urbano da capital arousá, seguindo unha estética semellante ás das citadas vías públicas intervidas nos últimos anos.

A intención detrás de todas elas, sosteñen desde o goberno local, non sería outra que: «Evocar a imaxe orixinal que tiña a zona outrora, cando as marismas penetraban no que hoxe é o centro de Vilagarcía, coa presenza de auga e de vexetación típica dos esteiros». E esa será a liña que se manteña na actuación sobre os 1.395 metros cadrados de superficie da rúa Conde Vallellano, entre a praza de Galicia e o cruce coa avenida da Mariña.

Desde Ravella apuntan que inda non está definido se os dous proxectos cos que se pechará a humanización do centro urbano de Vilagarcía, a cargo dos arquitectos Mariano Vázquez e Lucía Araújo, deixarán espazos de uso exclusivamente para peóns ou compartido cos vehículos.