Galicia ingresa da man do Curtas de Vilagarcía no club de festivais de cine fantástico máis selecto do mundo: Méliès
VILAGARCÍA DE AROUSA
Decano do audiovisual galego, o Festival do Imaxinario da capital arousá entregará un dos Mélières D'argent a partir da súa vindeira edición. Hai dúas semanas recibía a distinción EFFE Label 2026-2027 da Asociación Europea de Festivais
05 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O festival internacional de cinema fantástico de Galicia, Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa, vén de converterse en novo membro da Méliès International Festivals Federation (MIFF). Fundada no ano 1983 como Federación Europea de Festivais de Cinema Fantástico e rebautizada no 2019 na honra do gran pioneiro do xénero detrás das cámaras, a MIFF consolidouse nestas catro décadas como rede de festivais máis prestixiosa do mundo, dedicada a visibilizar e prestixiar o sétimo arte que materializa a pulsión creativa dos autores e equipos rodaxe do vello continente ambientada en mundos paralelos nacidos das ilusións, das esperanzas, dos medos ou das olladas a futuros posibles que vén puideran acabar sendo o que nos espera á volta da esquina.
A aceptación e inclusión do Curtas Festival do Imaxinario na Méliès International Festivals Federation supón a entrada do sector do cinema galego no máis selecto club de festivais do xénero, integrado agora por 34 festivais de 21 países de tres continentes. Os últimos datos ofrecidos polo MIFF falan da proxección de máis de 1.800 películas ao ano e dunha audiencia combinada superior aos 800.000 espectadores entre os seus socios.
Con certames colaboradores fóra de Europa, do nivel do Fantastic Fest Austin (EE.UU.), do Mórbido Fest (México) ou do Bucheon International Fantastic Film Festival (BIFAN, Corea do Sur), o club ao que vén de acceder o Curtas conta con dous chanzos. O dos oito festivais que ademais de entregar cadanseu premio Méliès d’argent (de prata) e participar na elección dun único Méliès d’or (de ouro) á mellor curtametraxe europea de cada edición fano tamén coas longametraxes a concurso producidas en Europa, caso das citas de Bruxelas (BIFFF), de Neuchâtel (NIFFF) ou do xigante español, o Sitges Festival Internacional de Cinema de Catalunya. E os festivais que, como o de Vilagarcía a partir da súa vindeira edición, seleccionan as mellores curtametraxes do xénero fantástico do vello continente, da que sairá un dos 26 Méliès d’argent, tantos coma certames da rede, que optarán ao Méliès d’or con entrega no marco de Sitges.
Na súa páxina web oficial, a Méliès International Festivals Federation sinala os criterios á hora de aceptar a entrada no seu selecto colectivo: «A Federación busca festivais economicamente viables e cunha sólida presenza do xénero —fantástico, desde maxia e terror ata ciencia ficción— na súa rexión. Os festivais son admitidos na Federación en función da súa capacidade de programación, condicións de proxección, compromiso do persoal e capacidade de promoción, entre outros criterios».
Culminación a anos de traballo
Máis aló de Sitges, o Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía pasa a compartir a mesma mesa con outros cinco certames españois: San Sebastian Horror & Fantasy Film Festival, Fant-Festival de Cine Fantástico de Bilbao, Isla Calavera (Canarias), Terror Molins (Barcelona) e o Fancine-Festival de Cine Fantástico de Málaga.
«Esta noticia es la culminación de años de trabajo para posicionar a Vilagarcía y a Galicia en el mapa del cine internacional», declara Luis Miguel Rosales, o director do Curtas Festival do Imaxinario desde o ano 2015, cando da súa man, o certame decano do audiovisual galego se transformou radicalmente, virando cara a súa especialización no xénero fantástico, afondando na súa internacionalización e abríndose tamén á proxección e concurso de longametraxes. Nesta última edición, a cabalo dos meses de outubro e novembro, con 32 longas proxectadas en paralelo a un cento de curtas.
«Formar parte de la familia Méliès nos sitúa al nivel de festivales legendarios y nos da la responsabilidad y el privilegio de promover el cine fantástico europeo desde Galicia», salienta Luis Miguel Rosales.
Distinguido co selo europeo de calidade EFFE Label 2026-2027
A noticia da entrada do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía na maior federación de certames de cinema fantástico do mundo, a Méliès, chega tan só dúas semanas despois doutro recoñecemento de ata que punto medrou a calidade e a proxección internacional da cita encabezada por Luis Miguel Rosales e o equipo de colaboradores que, arredor dunha asociación sen ánimo de lucro, dedican centos de horas cada ano para poñer os grandes focos sobre unha localidade de 37.000 habitantes dunha esquina de Europa. A Asociación Europea de Festivais (EFA) outorgoulle ao Curtas a EFFE Label 2026-27, o distintivo de calidade que, co respaldo da Comisión Europea, premia os festivais artísticos máis destacados do continente.
No mesmo ano no que foi incluído entre os 90 mellores festivais do planeta no seu xénero pola publicación de referencia Dread Central, o festival internacional de cine fantástico de Galicia conta cun selo europeo que, sinala a súa organización, «no solo valora la calidad de la programación artística, sino que pone un énfasis especial en tres pilares fundamentales que definen a los festivales modernos: el compromiso artístico, la capacidad de involucrar a la comunidad local y una decidida perspectiva internacional y europea».
O Curtas manifesta que a concesión do EFFE Label 2026-2027, como a entrada na federación Méliès, reforza a súa posición a nivel mundial: «El festival entra oficialmente en las grandes ligas, aumentando exponencialmente su capacidad para atraer estrenos de primer nivel, invitados internacionales y la atención de la industria y la prensa especializada mundial». E con todo o anterior, «proyectando la imagen de Vilagarcía y Galicia como centros de cultura cinematográfica innovadora y de calidad».