Plásticos, vidro e entullos no entorno do Umia

B. C.

VILANOVA DE AROUSA

cedida

O Colectivo Ecoloxista do Salnés participou nunha nova xornada de limpeza dentro do Proxecto Ríos

27 sep 2020 . Actualizado a las 20:03 h.

O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) participou este domingo nunha nova actividade do Proxecto Ríos, coordinado pola asociación ADEGA, polo que se organizan limpezas simultáneas nos caudais galegos baixo o lema «Móllate polos ríos».

Nesta comarca, os esforzos céntranse no Umia onde, unha vez máis, un grupo de voluntarios achegáronse ata Pontearnelas para dedicar a mañá a recoller o lixo que se acumula nas ribeira. A diferenza con respecto a ocasións anteriores é que, desta volta, limitouse o número de participantes debido ás limitacións de aforo a que obriga o covid, pero o escenario co que se atopou o CES foi similar ao de outras veces: o lixo segue sendo un problema para os ecosistemas fluviais.

Nas dúas horas longas de batida no arredores da ponte de Santa Marta recolléronse cen litros de envases de plásticos e latas de refrescos, cinco litros de papel e cartón, dez litros de vidro, outros restos non reciclables, varios trozos de entullos (ladrillos, formigón lousas..) e unha cuberta de fibra de vidro dun metro e medio cadrado.

Desde o colectivo ecoloxista invitan á poboación a coidar os ríos da súa contorna para evitar a proliferación de vertedoiros como o que foi localizado no Umia o ano pasado e que, a pesares de ser informado o Concello de Ribadumia ao respecto, segue sen eliminar.