Un noiés novela a Guerra Civil

Xoán Pastor Rodríguez

BARBANZA

Autores de aquí

14 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

Un dos escritores máis esquecidos da península da Barbanza é o noiés Manuel Millares Vázquez , nacido o 9 de febreiro de 1906 e emigrado en Cuba dende 1924. Foi na illa caribeña onde se deu a coñecer como narrador no ano 1934 co volume Chela. Siete cuentos del Trópico , que reeditaría, aumentándoo con contos ambientados en Galicia, en 1973, ano no que a editorial da prestixiosa Revista de Occidente lle editou Chela y otros cuentos . Aínda que é autor doutras obras narrativas de interese, como Cuentos de mar y tierra ou Vidas fecundas , a súa aportación máis interesante á narrativa foi a novela Hombres de paz en guerra. Memorias de un miliciano . Esta obra é unha das primeiras novelas sobre a Guerra Civil, que hai que agrupar no apartado das que teñen o acontecemento bélico como experiencia vivida, e que foi editada na Habana pola imprenta Úcar, García & Cía en 1938. Non é casualidade que sexa a mesma imprenta a que imprima outra novela sobre a Guerra Civil doutro autor da Barbanza emigrado en Cuba, o pobrense Carlos Montenegro, que nese obradoiro imprimiu Aviones sobre el pueblo . A novela Hombres de paz en guerra. Memorias de un miliciano está organizada formalmente como un relato en primeira persoa, pero, desdobrado, pois ao primeiro narrador hai que sumar o punto de vista da personaxe principal, Ángel Pelegrín. A procedencia desta personaxe e da súa familia é burguesa e tematicamente hai que agrupala coas novelas que tratan da presencia das Brigadas Internacionais na guerra española. Só outro galego, e xa no 2000, Javier Guzmán, coa novela Brigada Lincoln , trata o mesmo tema, que, sen embargo, ten ampla presenza en novelistas de prestixio como Max Aub, John Dos Passos e Klaus Mann. Partes da novela A novela está dividida en seis partes, de extensión desigual, e só as dúas primeiras levan título: La familia de Ángel Pelegrín , primeira parte dividida en catro capítulos, e Las memorias de Ángel Pelegrín , dividida en tres capítulos. O fundamental da novela está contido nas partes terceira, con catorce capítulos, e cuarta, con nove capítulos. A parte quinta ten só seis capítulos e a sexta consta só dun capítulo titulado La despedida . A historia pode resumirse como a experiencia dun mozo burgués asturiano, que educado nun colexio de Alemaña e con 17 anos decide incorporarse á defensa da república nas Brigadas Internacionais, formando parte do Batallón Thaelmann , formado por nativos alemáns. Ángel Pelegrín loita heroicamente nas trincheiras, pero logra ao final da guerra exiliarse en París gracias ás influencias do seu pai. A mellor especialista na novela da Guerra Civil española, Bertrand de Muñoz, dedicou unha brevísima análise á obra, da que sinala a linguaxe sinxela, a alternancia de narradores e certa falta de matices. Sen embargo, os seus valores fundamentais residen nesa mesma sinxeleza, sen falsos retoricismos, na sensación de experiencia vivida e en amosar o valor dos mozos na guerra. Aínda que defende a República como a única causa para a dignidade do home, carece de partidismo concreto. É obra de difícil acceso, que conviña reeditar para recuperar unha parte da memoria histórica da nosa bisbarra e difundir a literatura deste noiés tan esquecido. Colaborador de prensa Manuel Millares colaborou na prensa galega da emigración e do exilio con presencia en medios xornalísticos como Cultura Gallega de La Habana , onde adicou un traballo lírico a Rosalía de Castro, mais tamén colaborou con artigos de contido polémico no xornal Loita da mesma cidade, en defensa dos ideais democráticos. A este labor engadiu o de traductor, coordenando obras como a Historia del mundo de William H. Mc.Neill, editada pola Universidade de San Juan de Puerto Rico en 1969. Amigo de moitos intelectuais españois, sostivo correspondencia con Miguel de Unamuno en 1934, por medio da cal sabemos que estivo vinculado ao Diario de la Tarde de La Habana e que pasou a Porto Rico dende Cuba por motivos políticos. Di, ademais, que a súa formación foi autodidacta e a súa admiración polo pensador vasco o levara a publicar traballos na prensa cubana cando xa tiña publicados os seus primeiros contos.