
Un grupo de turistas que visitaba Corrubedo hai uns días preguntaba se aquela costra negra e seca que aflora entre as dunas -preto da lagoa- podía ser chapapote do Prestige . Non, aquilo non é chapapote senón turba, o primeiro estadio de formación do carbón. Este proceso comeza cando, nunha zona pantanosa, as plantas que van morrendo caen na auga e son cubertas pausadamente por sedimentos. Durante miles de anos sofren un lento proceso de transformación dominado por un progresivo aumento da presión e a temperatura no que interveñen bacterias e complexos procesos físicos e químicos. Finalmente os restos orgánicos transformaranse en materia mineral. Se nos fixamos ben aínda podemos ver na turba algunhas raiciñas e pequenos talos das plantas que habitaban as antigas marismas. Pero o que para nós é unha curiosidade, para un científico é moito máis. Os xeólogos estudan restos minúsculos de codias fosilizadas, follas ou esporas, pero tamén insectos doutras épocas e incluso réptiles. Desa maneira poden saber como eran as paisaxes de tempos afastados e os organismos que as habitaban. Hai moitas praias onde se pode atopar este tipo de turba: Aguiño (na foto), Río Sieira, Noia, O Xobre, e outras. Pero tamén nas zonas altas, como as moitas brañas que existen nos chans da serra. A turba é un tipo de carbón aínda novo, queima moi mal e necesitaría de moitos anos de enterramento para transformarse nun carbón comercial con alto contido en carbono e gran capacidade calorífica. Aquí non ten aproveitamento comercial, pero nas terras altas de Escocia é utilizada para filtrar o whisky e dotalo do seu amargor característico. Cando observamos a turba podemos e debemos apreciar un aspecto da natureza que moitas veces pasa inadvertido. Podemos admirar como a materia, o carbono, que forma parte dos seres vivos pode retornar ao mundo mineral. E cando ese carbono é liberado novamente á atmosfera queda en disposición de ser absorbido por unha planta mediante a fotosíntese, nun eterno proceso cíclico que se repite incansablemente ao longo do tempo.