Un intercambio trae a Muros a alumnos de catro países

José Manuel Sande CORRESPONSAL | MUROS

BARBANZA

SANDE

Ao pe da rúa Os visitantes participan nun proxecto didáctico da Unión Europea sobre a conservación do planeta, xunto con estudantes do Fontexería

03 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O Instituto Fontexería de Muros participa, xunto con outros cinco centros escolares europeos, no programa comunitario Sócrates, desenrolando un proxecto da liña Comenius que leva por título Un planeta sempre azul; coñecemento, recursos e preservación do medio natural . Durante esta semana, leváronse a cabo na vila muradá os primeiros encontros entre os profesores e os alumnos dos seis centros participantes nesta iniciativa. Os compañeiros de singradura da comunidade do Fontexería neste programa, que terá continuidade ao longo de tres cursos académicos, son dous centros de Orgon e un de illa Reunión, de Francia; un colexio de Chipre e outro de Cerdeña; e un instituto da localidade xermana de Hessen. O centro anfitrión obsequiou aos seus invitados cunha serie de actividades que levaron a cabo estes días, entre as que destacaron unha visita a Santiago de Compostela, e unha excursión a Ribeira, na que recorreron o parque das dunas de Corrubedo, e ao castro de Baroña. Tamén tiveron tempo para coñecer os principais atractivos turísticos e culturais da vila muradá. A maiores, os escolares visitantes tiveron a oportunidade de asistir a varias clases no Fontexería, xunto cos seus colegas de proxecto. Pola súa banda, os profesores dos diferentes centros participantes na iniciativa realizaron varias sesións de traballo, co propósito de perfilar as tarefas ás que os alumnos dedicarán máis tempo durante este curso. O obxectivo básico que se persigue cos proxectos Comenius é o de promover a cooperación entre estudantes de diferentes países europeos. Esta iniciativa aporta a docentes e alumnos a oportunidade de traballar conxuntamente en temas de interese xeral. No caso da proposta que presentaron o Instituto Fontexería e os demais centros de ensino, foi aprobada polo interese que nela amosan pola preservación do medio natural. Durante tres cursos académicos, compartirán experiencias en torno á natureza e o respecto ao entorno.