«Corrubedo é un lugar único, zonas para edificar hai moitas»

Antía Urgorri Serantes
Antía Urgorri RIBEIRA

BARBANZA

PACO RODRÍGUEZ

Entrevista | Augusto Pérez Alberti Este catedrático coñece ben o espazo natural, pois nel leva investigando moitos anos. Aposta polo diálogo e o consenso para mellorar o complexo

11 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Ata o momento, Augusto Pérez Alberti miraba ao parque dunar de Corrubedo con ollos de investigador; a partir de agora, farao tamén como presidente da xunta rectora. Este catedrático de Xeografía Física da Universidade de Santiago asegura que afronta o seu novo cargo con ilusión e co anhelo de lograr, a través do diálogo e do consenso, importantes melloras para o complexo ribeirense. -¿De que precisa Corrubedo? -O que máis urxe é que se redacte o plan reitor de usos e xestión, para que de forma definitiva se determine que actividades se poden levar a cabo no seu entorno e cales non. É un parque natural, non un xardín. Dende o meu posto, o que vou a intentar potenciar é a conservación e a posta en valor do complexo. -¿Cal é o mellor camiño para conseguilo? -A través do consenso, coa participación de todos os afectados. O complexo é un recurso irrepetible, hai que lograr compaxinar o uso racional co seu valor medioambiental. -Algúns propietarios quéixanse das limitacións que teñen á hora de decidir sobre os seus propios terreos. -O ben social debe estar por enriba do ben persoal. O parque é moi fráxil, non se pode permitir calquera construción ou actividade. Corrubedo é un lugar único, zonas para edificar hai moitas. Se poden facer cousas harmónicas e de calidade, que sexan respectuosas co entorno. Ademais, hai que ter en conta que a duna é un elemento de protección, se nonn estivese, a auga tería chegado moito máis arriba, e non habería as paisaxes que temos. -¿Que medidas hai que tomar? -Para protexer a duna, hai que por freo ao paso indiscriminado de persoas. Coñezo moitos parques naturais de Europa, e en ningún dáse este tránsito tan salvaxe. Segundo os cálculos que fai a dirección do complexo, cada ano pasan polo centro de interpretación unhas 250.000 persoas. Cada visitante que camiña pola duna lévase uns dez gramos de arena. Iso quere dicir que se deixásemos pasar pola zona a todos os que chegan, a pérdida de áridos sería moi elevada cada ano. -¿Cree que hai consciencia do valor natural do espazo? -Non, penso que é importante levar a cabo un plan de divulgación ambiental. Cando se pon en marcha un parque natural, ten que haber un proceso de sensibilización, que penso que en Corrubedo non se fixo. O complexo natural é un recurso en tanto en canto existe. Hai trinta anos non ía ninguén ás dunas, e agora hai visitantes todo o ano. Hai que saber explotar iso sen danalo. Un exemplo claro do que podía ser un parque natural e non o foi por mor da presión urbanística é a manga do mar Menor. -¿Sabe cando empezará a súa andadura á fronte da xunta reitora? -Aínda non hai datas concretas, pero teño moita ilusión por empezar. Creo que é importante que os responsables autonómicos aposten polos investigadores para ocupar este tipo de cargos. Espero poder conseguir cousas positivas para o parque, que sen dúbida ten moitas problemas; e aportar o meu coñecemento. -Por último, ¿como se atopa o estado de conservación da duna? -A parte occidental está moi cambiada. Agora acabamos de facer un levantamento topográfico, e estamos analizando os datos.