Rianxo quere achegar a figura de Castelao aos mozos

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Este venres arrinca o programa dedicado ao intelectual

19 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Xaneiro é un mes que ten una importancia capital para Rianxo e para toda Galicia. Nos 31 días que dura conmemórase tanto o nacemento como o pasamento de Castelao, de aí que o Concello queira dedicar a súa programación cultural ao pai do galeguismo cunha serie de actos que teñen como obxectivo achegar a súa figura aos máis novos.

É por iso que o público ao que se dirixen as primeiras actividades da programación, que arrincan esta mesma fin de semana, é o infantil e xuvenil. Para empezar, o venres, a partir das 18.00 horas, vaise levar a cabo un obradoiro de caricaturas coa participación do debuxante Suso Sanmartín, co que se pretende dar a coñecer aos mozos a partir de 12 anos a faciana de Castelao como creador na crítica social.

Farase algo parecido, pero coa vertente do intelectual rianxeiro como creador literario, o sábado, ás 11.30 horas, cun obradoiro de creatividade impartido pola escritora Teresa Moure.

Outra das actividades da fin de semana chegará da man do cadro artístico Airiños, cun espectáculo de contacontos para nenos que porán en escena en Taragoña, Buía e Asados.

Presentacións e recitais

A programación inclúe tamén actos para os maiores en forma de conferencias, como a que dará o día 25 Xusto Beramendi, a presentación do libro Poñente, de Pere Torabuela, coa colaboración de Barbantia, ou a exposición do escultor rianxeiro Nuco Losada, que se inaugurará o 27. Precisamente, Losada, que ten un museo propio cunhas 200 pezas que animou a visitar, presentou as actividades co alcalde, Adolfo Muíños. Este fixo fincapé na intención de implicar aos rianxeiros na programación «máis alá dos actos meramente institucionais».