Ester Rincón-Benzalá

Este gravado formou parte da colectiva BarbantiaRte V


Neste gravado de Ester Rincón-Benzalá, que formou parte da colectiva BarbantiaRte V, titulado simbolicamente Trampa, a causa da súa polisemia formal e expresiva, a autora bota man dun procedemento non recorrente que nos achega a unha técnica sinxela e próxima que se arreda doutras formas que nos son máis canónicas. No catálogo da exposición lemos: «A súa obra sitúase entre a figuración e a abstracción. Nas súas preferencias destaca o uso da cor. Desenvolve a súa actividade en diferentes técnicas, temas e modalidades. Neste gravado asistimos a un puro exercicio de delicadeza poética nas marxes da abstracción, onde as formas se apropian da cor e compiten por un sentido recoñecible».

Sabemos que dende os sumerios (3000 anos hai), a través de China, da estampa xaponesa e do papel do s. XV europeo, o gravado é unha disciplina artística capital na que, nun espazo bidimensional e ríxido, a/o artista representa unha imaxe susceptible de ser transferida a outra superficie por medio do tórculo. Serán os materiais e os instrumentos utilizados os que determinen as diferentes técnicas: en relevo, en oco, ou ben en plano. Mais todo este universo de gubias, burís, punzóns, puntas secas, puntas de prata ou ácidos corrosivos sofre agora o asedio dos medios fotográficos, dixitais, ou mesmo do láser e o plasma. O vello, inda actual, que resiste como pode as turbulencias anovadoras do futuro que xa nos disuade e cultiva.

Ensaio con prancha de cartón

Pero Ester Rincón-Benzalá ensaia, neste caso, cunha prancha de cartón endurecido con colaxe de tarlatana engomada. Despois da estampación aplica varias capas de pintura, totais ou parciais, sobre esta superficie, potencialmente virxe, que lle vai desvelando o segredo da súa intimidade en gradacións de exquisitos acordes e entoacións de vibrantes contrastes tonais.

Gravadora-pintora, aquí, por canto a estampa é só ese lenzo matérico que ha ser pintado. Unha obra de arte na época na reprodutibilidade técnica (W. Benjamin dixit) mais non mera e mecánica reprodución redundante, privada de aura sacralizadora. A salvo, pois, da pura mimese fotográfica, ou da repetición do pop art, como ritual de homoxeneización masiva do gusto e das estéticas warholianas.

A prancha como lugar aberto á inspiración, como posibilidade emotiva, como matriz nunca previsible. Un símil agrario de fertilidade onde a colaxe exerce de arado ancestral que ofrece os sucos cavados na pel da tarlatana, como feridas vitais e abertas na superficie da estampación, que se abre aos pinceis e acolle a cor en delicados contrastes e gamas nun intenso xogo de verde, amarelo, vermello e ocre. Unha parábola multiplicativa, orixinal e cativadora que con nós é quen de pensar, suxerir, espertar emocións e amar a beleza que nos humaniza.

«Trampa». Gravado en prancha de cartón con tarlatana e logo pintado

Votación
1 votos
Comentarios

Ester Rincón-Benzalá