Outra historia de David contra Goliat

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

p. calveiro

17 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A miúdo son invisibles, pero as loitas de Davides contra Goliats danse a diario, son algo moito máis cotiá do que se poida pensar e só somos realmente conscientes de que iso é así cando se dan afrontas moi directas que repercuten nun conxunto amplo. Neste caso, e noutros moitos, Goliat é a Administración central, que en aras da racionalización do gasto -que non necesariamente dos servizos- dedícase a concentrar prestacións nos grandes núcleos deixando orfos os pequenos municipios e as zonas rurais. Nesta historia, David son os concellos, que ven como se van desangrando e avellentando pouco a pouco coa marcha dos máis novos, e os seus habitantes, que ante tanta racionalización van quedando sen servizos esenciais.

Exemplos disto hai moitos, tamén na empresa privada. As sucursais das entidades bancarias nas parroquias foron pechando sen que a ninguén lle importase que os veciños, a maioría maiores, non teñan demasiadas posibilidades para acudir ás vilas de maior tamaño polos seus propios medios porque o transporte público tampouco é que sexa unha das fortalezas desta bisbarra. Algúns, coma os habitantes de Xuño, fixeron boa a historia de David e lograron que outro banco seguira prestándolles o servizo, pero iso non é o habitual.

A cousa é máis grave cando do que estamos a falar é de prestacións públicas esenciais. Por poñer un exemplo, están as consultas médicas. Os municipios menos poboados non contan con Urxencias as 24 horas do día e se un veciño se ve afectado por unha doenza fóra do horario laboral ten que buscar quen o leve ao concello veciño en busca de asistencia. E o mesmo pasa cos pediatras, que desaparecen das consultas porque non hai persoal suficiente, polo visto, para cubrir as ausencias por vacacións. Ao listado de desagravios vén de sumarse a redución de servizos do rexistro da propiedade de Muros.

Hai poucas cousas que unan tanto coma o sentimento de afronta, o ataque ao débil. Non hai máis que ver a defensa que os grupos políticos do municipio fan do mantemento do rexistro, e xa é difícil que se poñan de acordo en algo, así que debe ser certo que os veciños precisan desta prestación. A eles uníronse tamén os demais concellos da contorna, unha reacción lóxica e repetida porque esa costume de centralizar servizos acostuma afectar a máis dun, sobre todo cando se trata de prestacións que xa están comarcalizadas.

Está por ver se a batalla emprendida lle dá a vitoria a David fronte a Goliat ou o triunfo volve caer do lado do xigante, pero o que está claro é que este non é o camiño. Non se pode loitar contra o envellecemento e a despoboación do rural quitando servizos aos veciños.