Vigor olímpico da cea de peñas

Emilio Sanmamed
Emilio Sanmamed LIJA Y TERCIOPELO

BARBANZA

30 mar 2017 . Actualizado a las 11:19 h.

Dous piares tivo a Festa da Dorna cando se fundou, dous piares segue a ter: cachondeo e solidariedade. Se nos anos do meu avó entregábase unha dorna ás familias necesitadas, agora séguese a axudar co fondo solidario dorneiro, que colabora con Ambar ou Renacer. Esta evolución tráeme á cachola a historia de Milón de Crotona, o formidable atleta grego que gañou seis veces os Xogos Olímpicos no século VI antes de Cristo, a súa forza era coñecida dende Atenas ata Cartago. Milón, de orixe humilde, na súa mocidade acompañaba diariamente ao seu pai da aldea á cidade para comerciar. Como tiñan medo de que lles roubaran o tenreiro que posuían, Milón cargaba con el ó lombo. O tempo foi pasando e Milón seguía carrexando o tenreiro, indo e vindo, crecendo, ata que o tenreiro pasou a ser un touro e as pernas de Milón volvéronse columnas do Partenón.

A lección que da Milón é que cada día pódese ser máis forte. Isto é extensible a todo, cada día un pode ser máis culto, máis feliz ou máis dorneiro. O único que se precisa é vontade. No noso caso vontade de axudar, que é o que se fai na cea benéfica de peñas que celebramos este fin de semana. Comezamos coa Dorna de nenos, colaborando en pequenas cousas nas peñas, cantando, aprendendo, participando de ese axóuxere máxico que é a festa. Hoxe, crecidiños, toca ir á cea benéfica, que é onde podemos comprobar coma o pequeno barquiño de xoguete que comezamos a cargar de rapaces cada 24 de xullo hoxe é unha dorna ben feita, soporta océanos de tempo. Deunos forza, esa Dorna é o noso touro.