Piscinas. Nostalxia das cadernas

CARLOS MOSTEIRO

BARBANZA

06 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Así, protexidos polos rochedos acolchados polo brión, como se fosen gardiáns dun exército medieval, a auga é un remanso de paz, está lonxe da aparencia destrutiva que adopta en non poucas ocasións. Agora está rodeada deste muro de protección, como ameas dun castelo que protexe un Santo Graal líquido.

Mínimo representante dun Poseidón menor, apequenado, temeroso, engaiolado. E houbo un día en que esa auga correu ceibe, foi potencia dunha enchente, ata que quedou no inicio dun simple desexo de moderación. Así que, estableceu a súa morada, pode que definitiva, aí nese oco cavernoso e escuro nalgún lugar indefinido da Serra do Barbanza, nese océano, mínimo, minimalista.

Esta auga quieta, estancada, lacustre, bota de menos ser outra cousa; bota en falta o prestixio das ondas do mar océano, a fascinación do mar próximo, da bravura salgada dos salseiros que deixa atrás o suco da proa, o rego que cava na tona da auga a quilla tras de si.

Pero eses son soños de sedutor, de auga pobre, que pouco máis é que poza, pozanca que soña, inutilmente, con cinxir o mar de bolina fronte a un vento insistente.