Paxarela

La Voz

BARBANZA

Marina Losada

06 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha folla arrincada dun caderno ou mellor a envoltura dun caramelo, dálle cor; de non ser cadrada, o mago dóbraa dende un vértice ata acadar o tamaño que desexa e, coa tesoira de aceiro, ben afiada, recorta un triángulo que ao abrir forma cadro; dóbraa polo medio das arestas, míraa e volve dobrala; apértaa con forza; prégaa triangulando cada cuarto sobre si dende o vértice; míraa e aperta con forza; ábrea, obtendo un cadrado máis pequeno; dóbraa polo medio das arestas, deixando as aberturas dentro, e volve dobrala; míraa e aperta con forza; prégaa triangulando cada cuarto sobre si dende o vértice; míraa e aperta con forza, disfrutando cada avance. Xa non é folla, aínda que quixera, agora é forma; levanta o mago moi amodo cada esquina, vencendo a resistencia dos sucos gravados na pel; míraa; abre cada ángulo, cada dobrez... Do estirón calculado obtén unha paxarela; míraa e déixaa na túa man aberta; aberta de abrir, sen ti pedilo.

...pon unha folla nas túas mans de nena; no primeiro intento sae unha paxarela igual que a do mago, tal que non precisas repetir; déixala no cuarto onde estabades o mago e mais ti; ti e o mago.

...a vida puxo tantas veces follas nas túas mans, que esqueces por que fas con elas paxarelas sen que ninguén as pida; tampouco acordas por que as deixas atrás, un presente para os demais, un recordatorio.

...un día fas limpeza no faiado da casa vella, e atopas unha fonte cuberta de po feita con prendedores da roupa e decides quedar con ela; viches como se facía no cuarto, naquel cuarto, e despois fixeches unha tal que esa, só que deixaches que rompese; un único intento e xa ti sabías, sabías de certo, non precisaches nova lección.

...pasaron dez anos e segue aquela construción nunha caixa detrás dunha porta que poucas veces abres, ata hoxe. Hoxe tocou, é necesario. Mírala e acordas que tan rápido aprendías cando eras pequena; acordas que poñías toda a atención nas mans, o corpo tenso, entendes de onde sae esa preguiza túa de non querer que a filla aprenda a facer maxias e sabes por que te sentes papel, ás veces.