Xoana Toja: «O civismo e o respecto son fundamentais para tódolos usuarios da vía»

s. gómez

BARBANZA

MARCOS CREO

Encargada da posta en marcha da cita, aposta por iniciativas como esta para lograr concienciar aos mozos

20 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Boiro acollerá mañá, a partir das 11.00 horas, una actividade sen parangón na comarca. A primeira Marcha Ciclista Escolar do Concello de Boiro naceu na mente de Xoana Toja, encargada do equipo de Educación Viaria da Policía Local de Boiro, grupo que traballa para que os rapaces da localidade se convertan en adultos respectuosos ao volante ou en vehículos de das dúas rodas.

-¿Que obxectivo persegue o equipo de educación viaria con esta actividade?

-Buscamos varias metas: a primeira, que aprendan a circular en bicicleta, e que o fagan baixo as normas que lles ensinamos nas clases teóricas. Queremos que se inicien no deporte, que o fagan con seguridade, pero ao mesmo tempo que se divirtan practicando exercicio físico. Por último, creemos que é moi importante que se xunten rapaces de varios centros educativos. Queremos fomentar a boa convivencia entre os estudantes dos colexios de Boiro.

-¿Como xurdiu esta iniciativa?

-Formo parte do grupo de educación viaria a nivel galego e xa se fixo noutras localidades. Narón foi unha das primeiras e pareceume unha boa idea traer esta actividade a Boiro. Supón moito traballo, son máis de 330 nenos e tomámolo moi en serio. Empezamos este ano coa marcha e esperamos que todo saia ben para que logo se poida facer noutros cursos. É a primeira vez que vamos organizar isto, pero con vistas a que se repita moitos anos.

-¿Que tal asimilan os rapaces os conceptos de circulación?

-Moi ben. Esta será unha clase práctica e creo que todos aprenderán moito. Van con moitas ganas e aínda agora estamos recibindo autorizacións.

-¿De quen terán apoio?

-O primeiro que fixemos foi contactar co servizo de Deportes do Concello de Boiro. Teñen experiencia organizando actividades deste tipo. Ademais, teremos a axuda de tendas de bicicletas e de Protección Civil. Tamén teremos o apoio de Boiro Motos, Gadis, Froiz e do Club Ciclista Barbanza-Oziona. Estamos moi contentos coa colaboración que nos brindarán todos.

-¿Ven a bicicleta como un medio a explotar?

-Ogallá se utilizase máis. Por exemplo para ir ao colexio. Isto é algo que xa vai na educación que reciben os rapaces na propia casa, xa que en moitas asocian a bicicleta unicamente co ocio.

-¿Non é un medio perigoso?

-É perigoso, pero non polo propio ciclista, senón polo comportamento do resto de usuarios da vía. Sen embargo non podemos actuar con medo en calquera ámbito da vida.

-¿Teríase que organizar una marcha para os condutores?

-Habería que facer unha para cambiar o noso comportamento cando nos atopamos cun ciclista. O civismo e o respecto son fundamentais con tódolos usuarios da vía.

-A seguridade será a vosa máxima para a marcha.

-Organizamos todo con bastante marxe e estará a Policía Local de Boiro ao completo. Creemos que a seguridade será extrema, pero xa sabes, nunca pasa nada e se cae unha persoa pode ser un efecto dominó. Barallamos tódalas opcións posibles.