Enerxía creativa e afecto pola tradición do deseño, as claves dos fulares de La Voz

LOLI DOPICO

BARBANZA

A autora do artigo, directora de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda, reflexiona sobre a colección

21 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende a titulación que dirixo formamos aos estudantes matriculados, pero tamén sabemos que compre facer pedagoxía do significado do deseño mais alá das nosas aulas. Entendemos o deseño como sinónimo de innovación, de desenvolvemento, de adiantarse ao que está por vir. Un deseñador debe adquirir unha mirada precisa, agudeza e habilidade para formular as preguntas pertinentes e procurar as solución mais axeitadas. Elas e eles, os agora aínda estudantes de deseño de moda, miran dereito cara a unha realidade complexa e chea de inquedanzas. Comezáronse a formar nun contexto marcado pola violencia da crise e rematarán nun contexto económico é social aínda fondamente decaído. Sen embargo, son xeracións cun forte compromiso coa disciplina e coa procura dunha linguaxe propia, cunha actitude emprendedora e positiva e, sobre todo, consciente e esperta.

Como titulación intentamos seguir evolucionando e medrando na nosa contorna, trazando canles de colaboración e diálogo con axentes académicos e empresariais, novas sinerxías a través de proxectos de transferencia e de investigación. Construír relacións tanto con firmas e empresas de deseño como con institucións académicas, museográficas e culturais. Dar sempre un paso mais alá na construción da cultura do deseño a través da formación, a investigación e a divulgación está no cerne dos nosos obxectivos.

O deseño de esta colección de fulares en colaboración con Sargadelos, e que presenta La Voz de Galicia, desenvolve obxectivos formativos e de visibilidade para estes novos deseñadores. Para nós, a iniciativa ten como finalidade achegar aos futuros deseñadores á realidade do desenvolvemento dun proxecto téxtil, axudándolles e acompañándoos para comprender o proceso completo dende a concepción á produción e comercialización dun accesorio. Resultou un reto e unha magnifica experiencia.

Desde Esdemga vimos traballando de xeito sostido nas relacións entre oficios artesanais e deseño, trazando un plan de traballo centrado na comprensión estratéxica por parte dos creadores das técnicas construtivas artesanais do país, ao tempo que adquiren o coñecemento tecnolóxico. As sinerxías entre estes dous eidos vanlles permitir desenvolver produto diferenciais, culturalmente enmarcados e localizados, sostibles produtiva e socialmente, claves que xa están a construír o presente e serán determinantes no futuro.

A mellor escola do ano

Todo este traballo levou a Esdemga a ser galardoada co premio á mellor escola de deseño a nivel estatal no concurso Talento&Co do 2015 e a acadar presenza nacional e internacional dos nosos titulados nos principais encontros de deseñadores noveis, e permitíndonos agora desenvolver o presente proxecto feito en colaboración con Sargadelos.

Esta é a dirección na que agardamos seguir traballando coa posta en marcha do novo máster universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda da Universidade de Vigo para o curso 2017-18. Seguimos a ver como unha prioridade unha conexión continua coa industria téxtil que quereriamos que puidera medrar.

Todos os anos acoden á presentación de fin de estudos dos nosos estudantes os departamentos de recursos humanos das principais empresas dos sector. Isto procura moita satisfacción, quere dicir que ao sector interésanlle os novos talentos, que o seu percorrido profesional poderá, en moitos casos, comezar no tecido industrial do país. Pero habería que procurar que este interese se perpetúe durante o resto do ano. Proxectos coma este ou mais ambiciosos aínda poderían desenvolverse con facilidade trazando redes mais estreitas entre a universidade e a industria da moda en Galicia. Cando me presento en centros internacionais todo o mundo me comenta: «¡Claro, Galicia, e que aí tedes moita sorte, tedes un sector industrial de moda súper potente! Así é -digo eu- certo…».

Agardo poder mellorar a resposta nun anos. Queremos manternos actualizados en todos os aspectos, xa que nun programa coma o noso, centrado na práctica, resulta fundamental a realimentación por parte da industria. É por iso que sempre estamos abertos a experiencias e colaboracións dirixidas a desenvolver liñas vinculadas á innovación e a complementar a formación.

Cando ves resultados como esta colección de fulares, dáste conta da enerxía creativa e o afecto pola tradición do deseño que depositaron nela os estudantes. É o xeito que teñen este grupo de creadores noveis de trasladar a emoción de estar a converterse en deseñadores, de poder compartir os resultados que van acadando coa sociedade que se ten implicado na súa formación. Orgullosos de poder amosar a súa mirada, o seu talento e a súa identidade creadora, incipiente, pero decidida.