Un loitador que quere regresar

Ramón Ares Noal
Moncho Ares CRÓNICA

BARBANZA

16 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta vida que nos toca vivir permite facer escasas paradas, de feito, cada alto no camiño acostuma ser porque alguén deixou de andar e de parar e, simplemente, marchou para non volver. É entón cando o noso interior, afeito a autodefensa, nos lembra que o tránsito é efémero e que hai que gozar neste mundo minuto a minuto, espremer a vida coma unha laranxa... ata que pasa o día, pasa a romaría, e volta á bola, que dicía miña nai. Deste xeito tan absurdo, imos encamiñados á tumba. Será entón, baixo terra ou feitos cinza, cando, por fin, nos dediquemos a outra cousa, aínda que sexa criar malvas de cor nazareno ou voar no aire convertidos en po.

Non crean que estas conclusións son froito dun ataque depresivo. Veñen a conto da miña indignación interior por non ser quen de parar, e, tamén, da conversa que onte mantiven cun deses amigos que tes aí, pero que case nunca chamas, porque das por suposto que está ben, que vai estar como sempre estivo para cando o precises, ou el necesite de ti, como se houbese un invisible fío directo que non usas, porque cres que a vida segue a ser como antes, e non te destes conta de que xa pasou tanto tempo que nada é como foi.

O amigo ao que me refiro é Manolo Dieste, aquel que en 1995 se converteu no concelleiro máis mozo da corporación municipal de Ribeira; o mesmo que uns anos antes creara Protección Civil no municipio. Persoa que chegou á política moi cedo, e que, penso eu, tamén marchou dela antes de tempo, bastante escaldado, por certo, xa que, como acostumo a concluír, aqueles que son rara avis nesa actividade pública, porque non calan nin se deixan manexar, duran menos que un garamelo no patio dun colexio.

Manolo Dieste hai 13 meses que, como fixo sempre na súa vida de loitador, lle está a facer fronte a unha enfermidade a consecuencia da que pasou illado máis da metade dese longo tempo, nunha pelexa sen cuartel, da que tan pronto sae vitorioso como volve caer. Pensei eu que Manolo estaba no seu posto de traballo, que, por fin, superara a leucemia, porque nestes 13 meses, as poucas veces que falei con el, deume mostra dunha valentía e dunha forza invencibles, e resulta que vén de pasar unha situación crítica, quizais a peor desde que está metido nesa loita por saír adiante.

E, tal e como é el, faloume de cando supere a enfermidade, de volver á política, de regresar a Ribeira, de que se deu conta de que hai que apreciar mellor a vida, que non paga a pena consumila no vórtice dese tornado que che impide gozar do que aprecias.

A Manolo non fai falla que lle dea ánimo, porque deume el máis a min onte, só dicirlle que o esperamos ansiosos.