Unha viaxe polos mundos do escritor Carlos Casares

La Voz

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Paneis, documentos, fotografías e obxectos persoais do autor integran a mostra que estará en Ribeira ata o 3 de setembro

30 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ofrecerlle ao público a posibilidade de mergullarse na obra e na vida de Carlos Casares, así como na época na que viviu é o obxectivo da exposición que a noite do venres desembarcou no auditorio de Ribeira, onde permanecerá ata o 3 de setembro. Trátase da mostra principal organizada pola fundación encargada de perpetuar a memoria do autor no ano no que foi homenaxeado pola Real Academia Galega co Día das Letras Galegas. Está integrada por obxectos persoais, imaxes inéditas, documentos históricos, paneis explicativos e soporte audiovisual.

Comisariada por Gustavo Adolfo Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares, e Chus Martínez Domínguez, esta exposición supón a reestruturación e a ampliación dunha anterior que xa se puidera ver en diferentes puntos de Galicia entre os anos 2003 e 2012. A nova proposta conta cun deseño feito polo estudo coruñés Creus e Carrasco, especializado neste tipo de exposicións de gran formato. Como novidade, aproveita os traballos de catalogación do arquivo persoal, realizados do 201 ao 2012, e da investigación derivada deles, considerada unha riquísima fonte para coñecer ao escritor.

Máis alá da intención retrospectiva, a mostra presenta diferentes marcos nos que se desenvolven Os mundos de Carlos Casares, título que recibe a iniciativa. Paisaxes, Luzadas, A viaxe, Conviña e O Redondel son as diferentes etapas nas que está distribuído o material e que van explicando as cuestións fundamentais da vida do escritor, da súa produción literaria e do seu compromiso co país e coas súas xentes.

O acto de inauguración contou coas intervencións do fillo do escritor homenaxeado Hakam Casares; do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; da vicepresidenta da Deputación coruñesa, Goretti Sanmartín; e do rexedor local, Manuel Ruiz. Entre o público estaban veciños coñecidos coma Manuel Ayaso, Antón Riveiro Coello, Manuel Cartea e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.

Contos e unha charla

A exposición Os mundos de Carlos Casares recala en Ribeira despois de ter pasado por Santiago, A Coruña e Ourense, entre outras cidades, xunto cun programa de actividades complementarias, consistente en catro sesións de contos e unha charla. Esta última correrá a cargo de Siro López o vindeiro día 11, que falará sobre as vivencias compartidas co escritor.

En canto ás sesións de relatos, a primeira será o sábado. Polo Correo do Vento ofrecerá, no mesmo auditorio, unha serie de contos baixo o título Os xoguetes de Clío. O día 12 collerá o relevo María Estévez, que ten preparada a montaxe Os contos da tía María; mentres que o 25 repetirá Polo Correo do Vento, esa vez con Clesacontos. Paula Carballeira encargarase do colofón, con Volcán, o cabalo salvaxe de Sálvora, o 26.