Un forxador de lendas contra vento e marea

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O boirense foi e sigue a ser unha peza determinante na construción e historia da entidade

06 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Existe un problema coas fazañas e as lendas. A miúdo acostumamos a pousar a vista nelas como o fai un turista abraiado que pasea ante unha catedral monumental. Sen embargo, detrás do resultado final atópanse os nomes e o esforzo de persoas que contribuíron a erixila. Noutros ámbitos non soe ser distinto, pois cando se bota a vista atrás e se tenta recordar de onde chegou a grandeza asociada a emblemas como o do Club de Remo Cabo da Cruz, a memoria asubía firmas de forxadores de soños como o de Beni Silva Sánchez (Cabo de Cruz, 1961).

Este boirense foi e sigue a ser unha peza clave na historia dun conxunto que naceu nunha pequena parroquia, pero que a base de humildade e traballo colectivo chegou a facer un oco entre os xigantes desta disciplina deportiva. Actualmente, lidera o proxecto da bancada masculina, á que adestra incondicionalmente coa meta fixada en consolidar ao equipo na dura Liga ACT, a maior categoría deste deporte a nivel estatal. Mais houbo un tempo en que as augas aínda estaban por conquistar.

A orixe

Cando Beni Silva era só un mozo, o deporte en Cabo de Cruz e a súa práctica organizada reducíase ao fútbol. Por aquel entón, estudaba en Compostela, lugar do que se marchou aos 15 anos para ingresar na escola náutica viguesa. Cada verán regresaba ao fogar, e como corrían os tempos da explosión de liberdade co remate da ditadura, o ambiente que se respiraba era absolutamente festivo. Pero Silva sentía que necesitaba algo máis na súa vida.

Aínda que a fundación do Club de Remo Cabo da Cruz tivo lugar en 1979, o técnico non tería contacto co que máis tarde se convertería na súa paixón ata que, xunto ao seu amigo Gabino Silva, co que montaba en bicicleta e facía exercicio, tomaron a decisión de probar sorte empuñando un remo en 1982.

«O deporte enganchoume dende o principio, pero ao comezo era todo un pouco improvisado e primitivo», Beni Silva lémbrase perfectamente do decembro de 1982, cando se subiu por primeira vez a un batel. A preparación corría a cargo dun adestrador, pero involucrando a todo o equipo que aportaba ideas cando todo estaba por aprender.

No verán xa estaba competindo e cada vez o remo asentábase máis nos seus pensamentos. Por iso pode que non resulte estraña a decisión que o crucense tomou. Aconsellado por un mestre, compañeiro de seu cuñado, lanzouse a estudar INEF na Universidade da Coruña. Non volvería a competir ata 1992 e, un ano máis tarde, o seu grupo tomaría a directiva do club.

«Había moita ilusión e moitas ganas, debiámoslle moito ao club porque nos dera a oportunidade de cambiar a nosa vida e gañar estabilidade», baixo esa filosofía formaría, con Daniel Vázquez, a primeira escola deportiva boirense, marcándose como obxectivos crear unha canteira e o mítico equipo feminino, así como conseguir instalacións dotadas de recursos.

O reflote

A década dos noventa supuxo o reflote desta institución deportiva. Pouco a pouco foise subindo o nivel, mellorando os adestramentos e reforzando o proxecto coa chegada de patrocinadores, como Rianxeira. Chegaron os primeiros metais na categoría sénior e foron pioneiros en situar unha bancada de remeiras na liga galega. En 1999 e no 2000, o equipo de homes alcanzaba a tanda de honra en Galicia.

Tres anos máis tarde, formarían parte da xénese da Liga ACT con outros dous grandes galegos, Mecos e Tirán. Entre o 2003 e o 2006, clasificáronse para a gran proba nacional, a Bandeira da Concha, e no 2004 levantaron a Bandeira de Hondarribia. Os mellores activos do club crucense tamén engrosarían o combinado autonómico coñecido polo nome de Rías Baixas, que se levou a proba de San Sebastián tres veces consecutivas.

Na actualidade, os obxectivos que se marcan pasan por conseguir que o equipo feminino regrese á máxima categoría e por consolidar ao masculino na ACT, así como por participar na Bandeira da Concha, o seu «teatro dos soños». A pesar das dificultades que deben superar cada día, ninguén poderá borrar da historia os logros que el e un grupo de valentes materializaron situando a Cabo de Cruz no alto do remo español.