De triunfadora a instrutora de campións

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Entre os seus pupilos das Illas Baleares hai xa campións de Europa na categoría sub-21

22 feb 2021 . Actualizado a las 21:38 h.

Boa parte dos deportistas máis laureados inícianse case por casualidade en actividades que acaban sendo a súa gran paixón e, nalgúns casos, o seu medio de vida. Aconteceulle a Rebeca Mariño Torrado (Boiro, 1983). Tiña 8 anos cando decidiu probar o taekuondo e desde entón xa non foi quen de afastarse do tatami. Un ximnasio de Boiro foi a súa plataforma de lanzamento e o Natural ribeirense, o club co que tocou o ceo. Agora, desde o Centro de Tecnificación das Illas Baleares, axuda a que outros loitadores cumpran tamén os seus soños.

Botando a vista atrás, Rebeca Mariño lembra que se viu mergullada no tolo mundo das viaxes e das competicións practicamente sen decatarse: «Participas en campionatos, gañas, clasifícaste para outros... é coma un círculo. Cando te das conta, estás pelexando por un título a nivel estatal». Confesa que nunca, ao longo do intenso camiño percorrido, pensou na posibilidade de conseguir o palmarés que ten hoxe: «Sempre fun de obxectivos a curto prazo, de pensar só no seguinte combate. Loxicamente, en cada competición saía a gañar».

Foi cando logrou o primeiro dos catro títulos de campioa de España cando a boirense empezou a ser consciente de que o taekuondo era para ela moito máis que unha afección: «Penso que foi o galardón que me fixo máis ilusión, porque me abriu as portas para formar parte da selección nacional». Estivo, de feito, un lustro defendendo as cores vermella e amarela enriba do tatami. Pero nesta viaxe polo pasado competitivo, Rebeca Mariño non pode evitar falar tamén dunha espiña que lle quedou cravada: «Tiven que conformarme en dúas ocasións co cuarto posto a nivel europeo e non ter subido ao podio si que é algo que boto en falla».

Cambio de rol

Con esa medalla pendente, Rebeca Mariño deixou de competir no verán do 2013. Tiña 30 anos, xa tivera que operarse dos pés e, o que para ela era o máis inviable, acudía a algún campionato co dobre papel de competidora e de adestradora: «Algúns dos meus alumnos xa estaban na selección comigo e non tiña sentido». A boirense soubera aproveitar o tempo libre que lle deixaban os combates e lograra completar os estudos de INEF, formación que lle abriu as portas do Centro de Tecnificación Deportiva das Illas Baleares. Entre os seus pupilos hai xa campións de España na categoría sénior e campións de Europa sub-21.

«Como adestradora, implícome moito, gústame ver como os meus deportistas van medrando, como van sendo mellores», comenta a boirense xusto antes de confesar que, en ocasións, bota en falla competir. Quizais foi esa ansia por medir as súas posibilidades a que a levou, a comezos do ano pasado, a probar fortuna nunha disciplina deportiva completamente diferente, o trail: «Un amigo convenceume para que probara e animeime. Véxoo máis como afección que como competición».

Aínda así, a boirense ten claro que o seu futuro pasa polo taekuondo: «Véxome dedicada a esta disciplina, pero recoñezo que non estou pechada a outras alternativas; iso si, sempre e cando estean vinculadas ao deporte». Nos seus soños máis ambiciosos, Rebeca Mariño vese formando parte da delegación española nunhas olimpíadas: «Situar a un alumno meu nuns Xogos é o reto, pero trátase dun obxectivo moi complicado, xa que nos últimos España só conseguiu clasificar a tres deportistas».

Ansiando o regreso

Nesas imaxes virtuais que de cando en vez pasan pola súa cabeza, a barbancesa mesmo está arroupando e instruíndo na máxima competición a nivel mundial a un galego. Atópase encantada co seu traballo nas Baleares, pero aledaríase se fora reclamada na súa terra: «Quero volver a curto prazo, pero o meu obxectivo é o centro de tecnificación».

Que os coñecementos e a experiencia adquiridos ao longo da súa frutífera traxectoria sirvan para formar a novas promesas é nestes intres o combate no que está mergullada Rebeca Mariño. Pero ela ten claro que o deporte non debe ser todo na vida dunha persoa e esa é a mensaxe que día a día tenta transmitirlle aos seus alumnos: «Paga a pena dedicarse a un deporte, por suposto, pero non se pode esquecer a formación. De competir só se vive uns anos».