Ruiz Rivas: «Hesta Kurba ten que ter un papel social, como a futura residencia de maiores»

Antón Parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

FRAN BREA

O rexedor indicou que están a negociar para que a finca cedida á Seguridade Social albergue o futuro auditorio municipal

21 sep 2017 . Actualizado a las 17:04 h.

O alcalde ribeirense, Manuel Ruiz Rivas, pasou onte polos estudos de Radio Voz Barbanza para ser o protagonista da terceira entrega de Cita co Concello. Durante a entrevista abordou os principais proxectos e inversións chamados a transformar a centenaria, con especial fincapé no proceso de peonalización, a construción da estación de autobuses, a reordenación urbanística do Malecón e unha nova residencia da terceira idade.

¿En que momento nos atopamos en relación coa segunda fase do proxecto Ribeira Atlántica?

Estamos en fase de contratación da asistencia técnica, o requisito que esixe a lexislación europea para comezar o traballo dos proxectos e adxudicacións dos mesmos. Esperamos que nos próximos tres anos se poidan materializar o máximo posible de inversións.

¿Cales son as prioridades ou que papel xogará a antiga discoteca Hesta Kurba?

A construción da estación de autobuses debe ser prioritaria e levar adiante o centro social é outra delas. En Hesta Kurba houbo un cambio de orientación, por parte do goberno e alcaldía, despois de escoitar a moitos técnicos e en concreto o estudo que fixo o equipo do arquitecto David Chipperfield. A tendencia actual é que os centros das cidades sexan un eixo neurolóxico de todo o que sucede no concello. Por iso comezamos a negociar coa Tesourería da Seguridade Social para que un lugar céntrico designado no plan xeral como de equipamento, no entorno do aparcamento do Centenario, poida acoller o auditorio. Hesta Kurba ten que ter un papel social, como nova residencia de maiores e centro de día. Nese sentido agardamos nas vindeiras datas a visita do conselleiro de Política Social para analizalo.

¿Veremos un cuarto xulgado e unha nova comisaría?

O último informe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sentou como unha xerra de auga fría. Por unha banda, constata a necesidade dese cuarto xulgado e por outra cando se fai a solicitude queda ao marxe. Esperamos que isto se arranxe no informe do 2017. Só faría falla dotalo de persoal, pois os medios materiais poderíanse solucionar facilmente coa planta baixo cuberta. Ao respecto da comisaría, esta mesma semana diriximos un escrito de novo ao ministro de Interior reiterando a necesidade e os compromisos que teñen feitos noutros anos. Sabemos que o goberno non ten maioría, pero a necesidade é palpable. Estou pendente dunha conversa telefónica ou visita do ministro [Zoido], pero espero que se concrete nos orzamentos do 2018.

¿Avanzouse xa no proxecto da circunvalación á cidade?

O compromiso da consellería é que neste último trimestre do ano se dea un pasiño máis coa redacción do estudio do trazado. A partir de aí os trámites futuros serán os de contar coa inversión, que na primeira fase rolda os catro millóns. Demos un paso grande co estudo da viabilidade, só queda a intención política de plasmalo nos orzamentos. Tiña un horizonte temporal de 2020 que se poderá cumprir unha vez se elabore o trazado.

Nos últimos meses escoitouse moito o concepto de semipeonalización, ¿houbo marcha atrás?

A veces dáme tristura escoitar á xente dicir «‘¡qué bonito quedó Oviedo o Pontevedra!’», pero iso non lle vale para Ribeira. O sacrificio é o mesmo que se lle esixe a menos xente, xa me gustaría que esas dúas cidades tiveran os mesmos aparcamentos ca nós. Nese cambio de prioridades estamos convencidos de que a peonalización ten que ir adiante. Pero non só neste proxecto, pois este semestre sacaremos adiante a reordenación do Malecón e a creación do carril bici.

¿Estamos preto de ver as partes superiores do mercado municipal en funcionamento?

Cando penso nas necesidades de traballo que hai e que as inversión son mínimas para poder abrir un local, non entendo como a xente nova non opta por revitalizar a primeira planta. Na segunda sigo coa idea de crear a aula de formación hosteleira.

O rexedor ribeirense Manuel Ruiz tamén se enfrontou a cuestións de corte social e político, como a da experiencia de gobernar en minoría ou atallar o problema derivado dos malos olores da EDAR.

¿Hai novidades ao respecto da situación dos veciños afectados polos malos olores da EDAR?

Todas as Administracións están poñendo o seu empeño en solucionalo. Tivemos dúas comisións de seguimento e na última explicóuselles aos veciños os pasos a dar e que dentro delas a que pensamos que sería a solución definitiva, antes do verán de 2018. Recoñezo que despois dun ano e medio se lles fai un tempo moi longo de espera, pero o noso compromiso estase a cumprir. Esta mesma semana erradicamos tres puntos de vertidos que ían ao peirao, arranxouse outro punto de entrada de auga salgada entre Palmeira e o porto, adxudicamos as obras do saneamento en Fonterramil e está aprobada unha pantalla vexetal para limar os ruídos do pozo de bombeo dos Areeiros. Ademais, temos confirmación de que en vindeiras datas celebraremos a reunión, a finais deste mes ou outubro, para adxudicar os proxectos que eliminarán os olores. Un xa está adxudicado, concretamente o da creación de sifóns. En todos os puntos que non sexan estación de bombeo o problema debería solucionarse proximamente. Nas estacións, a proposta que parece máis viable é a de crear plantas de desodorización.

¿Como valora a experiencia do goberno en minoría?

Sempre digo que quizais a etapa que peor levei o meu talante foi o da maioría. Non sei si é que o resto dos grupos percibían unha forma de gobernar que non era axeitada ou eu mesmo non din coa tecla que sempre tiven, a de saber falar coa xente, chegar a acordos e que o pobo teña algún espazo no que todos nos sintamos cómodos.

¿Volverá a presentarse aos vindeiros comicios municipais e haberá cambios nas listas?

O partido así o pretende, co respaldo dos afiliados. Non mudei a miña opinión, un alcalde non debe estar demasiado tempo no cargo, quizais 8 anos sexan poucos e 12 moitos. A miña intención é presentarme e recuperar a maioría. Por outra parte, sempre se dan cambios nas listas, xa sexa por desexo persoal ou pola renovación por idade.