Xoán Pastor Rodríguez: «Pasar dos cen exemplares é o gran mérito»

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Destaca a implicación dos colaboradores e cualifica o suplemento cultural de referente a nivel galego

26 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

La Voz de Galicia e a asociación Barbantia presentarán este xoves o cuarto recompilatorio de A Voz de Barbantia, un volume que aglutina os suplementos comprendidos entre o número 101 e o 125. Entrevistas a intelectuais, reportaxes que levan a botar a vista atrás, críticas de arte e artigos sobre destacados escritores son algúns dos contidos que os lectores atoparán nesta publicación. Detrás da súa coordinación hai un equipo de persoas do que forma parte Xoán Pastor Rodríguez.

-¿Que supón para Barbantia a saída á luz deste quinto recompilatorio?

-Supón que, despois dunha andaina tan longa, seguimos aquí. O normal é que unha publicación deste tipo non consiga manterse tanto tempo. Neste caso, o agradecemento ten que ser para os colaboradores que sempre están aí. Pasar dos cen exemplares é o gran mérito e, no noso caso, imos xa camiño do sexto recompilatorio, xa que o venres publicarase o suplemento número 127.

-¿Que foi o máis difícil ao longo desta andaina?

-Penso que os problemas estiveron concentrados nos comezos. O que máis nos custou a todos foi adaptarnos aos espazos. Estamos afeitos a escribir case sen límites e resulta complicado cinguirte a un espazo e ter que concentrar nel o máis relevante.

-¿Hai algunha sección estrela neste suplemento?

-Penso que o suplemento en si é unha publicación estrela. Que eu saiba, en Galicia só hai dous suplementos culturais que se publican integramente en galego e o noso é o único que ten esta periodicidade mensual. Iso é para min o primordial, porque constitúe un mérito non só para a cultura de Barbanza, senón para a cultura de Galicia.

-¿Gustaríalle realizar algún cambio no suplemento?

-Hai un engadido do que xa vimos falando desde hai tempo, pois gustaríanos incorporar unha sección dedicada á poesía. Se non se fixo ata agora é polo complicado que resulta publicar un poema tendo en conta o formato do suplemento, pero é unha teima que temos.

-¿Custa atopar colaboradores para esas seccións abertas ao público?

-O problema principal é o da sección En obras, no que saen relato inéditos. Sempre pedimos a colaboración dos institutos da zona.

-¿Trátase tamén de abrir o suplemento, de que non sexa un coto cerrado?

-Si, hai seccións que están dedicadas aos lectores, para que tamén eles poidan achegar o seu grao de area.

-¿Cal é para vostede a recompensa a tanto esforzo?

-A recompensa sempre é o que tes nas mans, que tódolos suplementos se recompilen nun volume destinado á xente que segue as publicacións mes a mes é o mellor agasallo. Tamén é moi satisfactorio ver que a xente segue a colaborar coma o primeiro día, coa mesma ilusión, que nunca falla.