«Nun colexio debe prevalecer a boa convivencia e a relación cordial»

J. m. sande OUTES / LA VOZ

BARBANZA

SANDE

O responsable do renovado centro, que acolle ao alumnado do fusionado Emilio de Navasqüés analiza o arranque do curso

08 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O director do CEIP de A Serra de Outes, David Valín Arias, síntese satisfeito pola consecución de dous feitos acaecidos recentemente neste centro. Por unha banda, a perfecta integración dos alumnos e profesores procedentes do CEIP Emilio de Navasqüés, no seu colexio e, pola outra, a conclusión dos traballos de rehabilitación realizados no edificio escolar da Serra, o que posibilitou que o curso escolar empezase sen demoras.

-¿Prevíase que este podería ser un inicio de curso complicado ou confiaban en que todo sairía ben?

-Houbo agoireiros que anunciaban unha convivencia difícil, e tamén que sería imposible rematar as obras proxectadas nos prazos previstos. Sen embargo, a cordura de pais e profesores, así como tamén o esforzo da empresa adxudicataria das intervencións, evitaron eses presaxios negativos que se estiveron a facer.

-¿Como recibiu as noticias, tanto a relativa ao peche do colexio de Roo como a da fusión e a inversión de máis de medio millón de euros no centro do que é responsable?

-A finais do pasado xuño anunciáronme ámbalas novas. Nós tiñamos pedido melloras, pero o informe da unidade técnica da Consellería engadiu a substitución da cuberta, a rehabilitación integral do edificio, o revestimento e o illamento na fachada, o cambio das fiestras, a reposición do alumeado, a pintura total do edificio, melloras nos aseos e outras intervencións. Quizais a fusión dos centros tivo que ver na amplitude das obras que se levaron a cabo.

-¿Contan cos medios humanos e materiais para impartir un ensino integral, diversificado e de calidade?

-Temos unha ratio media de 14 alumnos por aula, que están atendidos por un total de 31 docentes. Contamos con profesorado especializado e de atención á diversidade, conseguimos implantar o plurilingüismo en todo o ensino e dispoñemos dun auxiliar de conversa. Tamén ofrecemos servizo de comedor con comida de elaboración propia e menús adaptados para alumnos que posúan algún tipo de intolerancia. Por outra parte, o noso centro está integrado en diversos programas educativos.

-¿Síntese a gusto no cargo? ¿Cales cre que son as claves para conseguir un bo clima?

-O labor dun equipo directivo non sempre é doado, e temos demasiada carga administrativa. Eu busco o diálogo, o acordo e a colaboración. Ás veces as normas educativas obrígannos, pero aínda así nun colexio debe prevalecer a boa convivencia e a relación cordial entre o profesorado e entre todos os colectivos, así como coas institucións vencelladas co centro, incluíndo a ANPA. Só así o ensino será exitoso.

-Xa se abordaron propostas como a de mellorar o patio, pero tamén a de modificar o horario lectivo, ¿hai posibilidades de que a segunda poida levarse a cabo?

-Existe unha demanda da xornada única porque hai moitos nenos que pasan demasiadas horas fóra do seu domicilio. A principios do vindeiro ano tratarase esa posibilidade, pero serán os pais e as nais dos estudantes os que deberán decidir, a sabendas de que nin o servizo de comedor nin o do transporte escolar se suprimirán, senón que se adaptarán ao tipo de xornada que elixa a maioría dos proxenitores do noso alumnado.

«Houbo unha integración das ANPA de Roo e da Serra»

Mestre e licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, David Valín chegou ao municipio de Outes no curso 1998-99 para cubrir unha vacante que se rexistrara no departamento de orientación do CEIP de A Serra. Tres anos despois foi elixido director do colexio, cargo que ocupa dende entón, ademais de atender unha unidade de pedagoxía terapéutica. No ano 2008 foi destinado ao centro educativo do Milladoiro, aínda que non chegou a ocupar esa praza, xa que a Consellería de Educación o mantivo finalmente na dirección do colexio da Serra.

-¿Que vinculación garda con Outes e que significou para vostede tomar as rendas deste centro de ensino?

-Levo case 30 anos na docencia, nos que estiven en varios centros formativos. Dende que cheguei a Outes, este municipio é para min coma unha segunda casa. Aquí síntome moi a gusto, integreime ben coa veciñanza e tamén cos compañeiros, e non teño présa algunha por irme a outro destino, aínda que cada día me desprazo a Brión, que é o lugar no que resido.

-¿Existen aínda demandas dos proxenitores do alumnado da Serra pendentes de atender?

-Que eu coñeza, hai dúas peticións sen resolver polo momento. Unha delas afecta á mellora dos patios, concretamente ao arranxo das zonas de xogo dos rapaces e a ampliación e renovación dos elementos que integran o parque infantil. Por outra banda, indicóusenos a posibilidade de colocar unha marquesiña de abrigo que enlazase a parada de buses co colexio, para evitar deste xeito que se mollen os nenos cando chove. Xa trasladamos ambas peticións ao Concello e creo que se está a buscar a mellor solución.

-Hai certo temor a que a ANPA do colexio da Serra perda o protagonismo que tivo ultimamente. ¿A dirección do colexio é consciente deste feito?

-Oín falar do asunto, pero penso que con máis preocupación que certeza. Houbo unha integración entre as asociacións de Roo e da Serra e agardo, polo ben de toda a comunidade escolar, que a nova ANPA sexa activa, dinámica, representativa e que colabore coas restantes entidades que integran este centro formativo. Da eficiencia dunha ANPA dependen moito os resultados educativos que se poidan obter nun colexio.