Barbanza ten os seus Romeo e Xulieta

La Voz

BARBANZA

Álvaro Ordóñez e Raquel Ramos son os protagonistas do novo espectáculo de Airiños, estreado con gran éxito

21 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Chámanse Álvaro Ordóñez e Raquel Ramos, pero seguro que para moitos serán a partir de agora Romeo e Xulieta. Eles son os protagonistas da nova montaxe de Airiños, un espectáculo que se estreou o xoves no auditorio municipal de Rianxo, onde se deron cita ao redor de douscentos espectadores, e que continúa alí en cartel hoxe, cando se despedirá para emprender unha xira que chegará ata Portugal.

«Chegamos pillados de tempo, pero saíu moi ben», eran as palabras da directora da mítica compañía, Esther Carrodeguas, nada máis rematar o primeiro pase da particular versión que o elenco de Asados se atreveu a facer do clásico de Shakespeare. Aínda que quedan aspectos por pulir e pequenos erros que mellorar, a estrea foi un éxito. Sorprendeu, sobre todo, o vestiario, traxes de época que foron confeccionados para a ocasión por Alicia Rodríguez. Tanto foi así que só a entrada dalgúns personaxes no escenario provocou os aplausos do respectable.

O público tamén reaccionou moi positivamente diante de escenas coma un rap que cantou Xulieta ou a simpatía que desprendeu Ramona Fernández, que encarnou a unha animada narradora. Ela protagonizou a anécdota da xornada cando, despois de retrasarse nunha das entradas, apareceu cun mando de televisión dicindo «stop». Tales foron os aplausos e as gargalladas que Esther Carrodeguas falaba onte da posibilidade de deixar así a escena de cara a vindeiros pases.

Co reto de mellorar

Satisfeita con resultado, a directora non dubidaba onte á hora de poñer enriba da mesa diversos aspectos que o elenco terá que mellorar: «É preciso axustar o ritmo e os tempos, porque percibín demasiada lentitude, o que provocou algúns desaxustes no relativo ás entradas no escenario. Tamén hai que mellorar os bailes e as loitas».

Esther Carrodeguas amosábase convencida de que o espectáculo medrará a medida que avance a xira: «Estou segura de que esta é unha obra que lle vai dar moito xogo a Airiños. En canto os actores se relaxen e collan rapidez, a obra mellorará». Padrón, Lourenzá, Brión e Palmeira están xa na axenda do grupo.