María Xosé Alfonso: «A pesar de todo, imos avanzando e cumprindo os compromisos»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O anuncio do inicio das obras no paseo de Esteiro é a mellor nova que recibiu a rexedora nas últimas semanas

16 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

María Xosé Alfonso, alcaldesa de Muros, sentou onte ante os micrófonos de RadioVoz Barbanza nunha nova entrega do programa Cita co Concello e aproveitou a oportunidade para aplaudir o inminente inicio das obras no paseo marítimo de Esteiro, sen esquecer outras necesidades imperiosas para o municipio, e explicar que pasa co servizo de recollida do lixo.

-A semana non podía comezar mellor para o Concello de Muros ao anunciarse o inicio, por fin, das obras no paseo de Esteiro.

-É unha obra moi agardada. Nese paseo había varios problemas gordísimos, está nun estado lamentable e é unha trampa para calquera persoa que pretenda pasear por alí. Agardabamos este anuncio con ansiedade e agradezo moitísimo a Rafael Eimil a atención que nos prestou. Falamos practicamente cada 15 días deste asunto e a súa actitude sempre foi moi boa, sempre respondeu ás chamadas e cónstame que fixo moitas xestións para que esta obra poida realizarse.

-¿Que previsión hai para o remate dos traballos?

-Durarán uns meses, unha vez que se levante o que hai as obras son relativamente rápidas. No verán debería estar rematado.

-Esta é unha actuación moi importante, pero vostede ten manifestado que bota en falta máis apoio da Xunta, por exemplo, nos orzamentos do 2018...

-Estamos totalmente esquecidos pola Xunta. Que eu vira só hai recollida unha actuación, o derrubo da antiga fábrica de xeo, e hai varias actuacións importantes que requiren axuda doutras Administracións. O saneamento é un problema enorme, tendo en conta ademais que temos bancos marisqueiros importantes. Solicitamos axuda en varias reunións e foi unha decepción importante non ver ningún proxecto neste sentido nos orzamentos.

-¿Hai algún punto concreto no que sexa máis urxente actuar?

-O do saneamento é un problema xeral, pero pensamos que urxen actuacións no entorno da praia de Virxe do Camiño. É unha zona marisqueira que corre o risco de pasar a ser zona C, co que iso implica. Xa se fixeron dúas actuacións nestes anos, pero serían necesarias dúas máis. Hai moito máis por facer, temos dúas parroquias, Abelleira e Torea, sen nada de saneamento, e a isto súmase a necesidade de renovar as redes en lugares nos que están quedando obsoletas.

-Ademais de polo paseo marítimo, Esteiro tamén está de actualidade polo anunciado peche da planta de Calvo, ¿como están os ánimos en Muros?

-O certo é que hai moito desánimo, pesadume, tristeza e sobre todo preocupación porque están en xogo moitos postos de traballo. Os empregados fixos e fixos-discontinuos irán para Carballo, os que poidan facelo, pero é evidente que as condicións cambian significativamente a peor. Un problema engadido é a división no comité de empresa, é importante que estea unido e que remen todos na mesma dirección.

-Outro problema, que afecta a boa parte da comarca, é o das carencias na recollida do lixo, ¿que previsión hai para a chegada dos novos camións?

-Temos mercados tres. Un é máis pequeno porque hai determinadas zonas polas que non collen os vehículos bicompartimentados e agardamos que chegue en marzo. Os outros dous estanse fabricando porque non hai camións dispoñibles no mercado, están en proceso e a perspectiva é que poidamos dispoñer deles en xaneiro ou febreiro. Mentres, temos tres de aluguer, pero non nos están dando o respiro que esperabamos porque pasan demasiado tempo no taller. A isto hai que engadir moitas tiranteces coa empresa concesionaria, FCC, que tamén dificultan a prestación do servizo.

-Tirante é tamén a relación do goberno coa oposición. Vostede sabía desde o principio que ía ser un mandato difícil, ¿como vai?

-É unha carreira de obstáculos grandes, pero a pesar de todo imos avanzando e cumprindo os compromisos, con dificultades engadidas pola escaseza de persoal municipal.