«Barbantia veu encher un gran oco que había na comarca»

a. novo / m. x. blanco

BARBANZA

MARCOS CREO

As conversas coa xente son a súa fonte de inspiración e os contos, o xénero preferido para escribir

21 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xunto coa pintora Maralla e co músico Enrique Paisal, o escritor Francisco Antonio Vidal aspira a facerse co Premio Barbantia á traxectoria cultural. Nestes intres, o período de votacións está aberto e manterase así ata o vindeiro día 30.

-¿Como recibiu a noticia da nominación?

-Con sorpresa e con moito agradecemento cara a xente que me nominou.

-¿Que lle parece o traballo que se fai desde Barbantia a prol da cultura galega?

-Penso que isto facía falla desde hai moitos anos. Barbantia veu encher un gran oco que había na comarca en canto á coordinación das actividades culturais. Agora hai un arroupamento entre tódalas persoas do eido cultural, que ademais é interdisciplinar.

-¿Que opina dos competidores, Maralla e Paisal?

-Pois que o teño moi difícil, pero estar nominado é o premio. Para min, o fundamental é a vinculación co asociacionismo. Eu entrei xa con 16 anos no Facho, logo estiven no colectivo Manuel Murguía e despois na Asociación polos Camiños. Tamén me alegra escribir algo de vez en cando e saber que hai xente á que lle pode interesar.

-¿Cando arrancou ese interese por escribir?

-Sempre conto unha anécdota de cando era novo e facía poemiñas para as mozas. Unha persoa das letras na Coruña leu o que facía e animoume a escribir. Incluso fixo que unha asociación publicase o primeiro conto. Logo chegaron as colaboracións na prensa, agora en La Voz de Galicia, onde levo desde o 2004. Nunha ocasión déronme un premio nunha revista de electrónica e un amigo que colaboraba comigo nese eido díxome que mo concederan porque escribía ben.

-¿En que xénero está máis cómodo?

-Gústanme moito os contos, pero recoñezo que no eido dos artigos tamén me sinto cómodo. Algúns case me saen sen pensalos.

-«O coitelo de pedra fundida» é a súa última novela, ¿cal é o eixo?

-O que trato é de reflectir que os sentimentos de hoxe en día tamén se daban na Prehistoria. Esas relacións de poder que se establecen hoxe tamén existían antes, aínda que fose en círculos máis reducidos.

-¿É unha novela que ten moito traballo detrás?

-Si, as cousas non veñen por inspiración divina. Edison xa dicía que o xenio e un 1 % de inspiración e un 99 % de transpiración, de suar, de traballar. Foron moitas visitas a museos e, sobre todo, falar con entendidos na materia. Hai moitas cousas que non cambiaron ao longo da historia.

-E ese 1 % de inspiración, ¿onde a atopa vostede?

-Eu penso que nunca vén soa, en boa parte dos casos chega falando coa xente, de conversas que che levan a estudar un tema concreto. Por se xorde, levo sempre o caderno comigo.

-¿Chegoulle algunha impresión dos lectores que lle sorprendera especialmente?

-Nunha biblioteca da Coruña, a responsable tivo a ben recomendarlle un libro meu a unha muller xubilada. Tras lelo foi a pedir máis e chegou o momento no que lle dixo que estaba namorada de min. Iso emocióname.

-¿Con que está agora?

-Teño un feixe de apuntes e sigo dándolle voltas á relación entre a emigración e o narcotráfico.