Enrique Paisal: «A miña vida xirou ao redor da música»

a. novo / m. x. blanco

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

Como artista e como mestre, o ribeirense realizou un gran labor no eido cultural de Barbanza

22 nov 2017 . Actualizado a las 15:08 h.

A súa participación en Los Tamara, un grupo mítico dos anos 60 e 70, fixo grande o nome de Enrique Paisal, que desde hai un tempo dirixe a Coral Polifónica Municipal de Ribeira. A súa importante achega ao mundo da música foi tida en conta pola asociación Barbantia, que decidiu incluír o seu nome na relación de persoas que optan a un sereo á traxectoria cultural.

-¿Como foi o seu primeiro contacto co mundo da música?

-Foi na casa, pois tanto meu avó como meu pai eran músicos. Empecei co piano aos 8 anos e logo estudei 5 anos de violín en Santiago. Alí rematei a carreira.

-¿Sempre tivo claro que se dedicaría á música profesionalmente?

-Miña nai exercía de mestra e eu era un pouco revoltoso, así que me mandou á escola de Carlos García Bayón. Logo toda a familia se mudou para Santiago e alí estudei música e Maxisterio, pero o certo é que as letras non me entraban.

-¿Como acaba formando parte de Los Tamara?

-No ano 58 chamáronme Prudencio Romo e Manolito Paz desde Noia, dicíndome que ían formar un grupo. Decidín sumarme e funme para alá. A historia dos Tamara empezou aí. Logo chegou a participación nun concurso en Vigo e xa non volvemos, porque nos reclamaron para tocar en Marruecos. Estivemos dous anos de xira practicamente sen vir á terra.

-¿A que atribúe ese éxito da formación?

-Todo foi xurdindo case sen planificalo. Cando chegamos a Francia, a primeira escala foi en Marsella. Alí, o xefe do hotel tocaba o piano e era moi famoso. Púxonos en contacto con moita xente ata que deu co dono do Olimpia. Aí abríronse tódalas portas, ata gravamos o primeiro disco. Logo viñeron as viaxes a Suíza, Alemaña, Holanda... xa nos perdemos.

-Logo a súa carreira en solitario e a Coral Polifónica de Ribiera... ¿Sempre viviu ligado á música?

-Si, eu non fixen outra cousa. A miña vida sempre xirou ao redor da música.

-Non estudou Maxisterio, pero si exerceu como mestre de música, ¿como foi aquela etapa?

-Cando Tucho enfermou, a min chamáronme da Coruña e xa regresei. Levaba moitos anos fóra. Despois abriron a escola de música de Ribeira e sumeime. Xa estivera un ano e medio no conservatorio de Santiago. En Santa Uxía estiven ata que me xubilei.

-¿Faille ilusión recibir un sereo despois desta intensa traxectoria?

-Si, porque non sendo os que recibín cos Tamara, sería o primeiro premio que obtería como Enrique Paisal.

-¿Como valora o traballo de Babantia?

-Penso que é positivo que se faga algo pola cultura na comarca, pois é necesario.