Teresa Villaverde: «Sobre turismo tamén temos moito que dicir en Lousame»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A rexedora lousamiá incide na importancia da mellora nas comunicacións viarias no ámbito rural

23 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Teresa Villaverde, a alcaldesa de Lousame, é unha persoa inquieta e, ademais, moi ocupada, pero fixo un oco na súa axenda para achegarse aos estudios de Radio Voz Barbanza. A través do espazo Cita co Concello, falou extensamente do presente, do futuro e dos retos que ten por diante o seu axuntamento.

-Esta semana conmemórase o 25N e, precisamente, en Lousame vén de pórse en marcha a Mesa Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, ¿en que consiste esta iniciativa?

-É algo que había que facer. É importante que todos os sectores da sociedade e da Administración involucrados na loita contra a violencia machista desenvolvan actuacións coordinadas. Por iso se constituíu esta mesa e se tivo a primeira reunión de traballo con membros da Garda Civil, do ámbito da sanidade, da educación... Todas as persoas que, dun xeito ou outro, teñen un primeiro contacto con este tipo de situacións. Debemos actuar conxuntamente porque calquera actuación que vaia coordinada ten un resultado máis efectivo.

-Estes días tivo varias reunións, ¿que proxectos prioritarios está xestionando neste momento diante doutras Administracións?

-Todos son prioritarios. Lousame ten pouca poboación e, polo tanto, poucos ingresos propios polo que hai que facer un gran labor de xestión ante outras Administracións. Os concellos rurais somos moi importantes para a conservación do territorio, pero para lograr calquera actuación que garanta os mesmos servizos e comunicacións para un veciño de Lousame que para o doutra vila maior hai que loitar e dar moitas voltas todos os días. Nestes últimos días, en Vicepresidencia estivemos xestionando a colaboración para o plan de parques infantís que temos en marcha, e tamén pedimos un vehículo para Protección Civil. E en Turismo estamos traballando a nivel comarcal os alcaldes da ría de Muros-Noia. Estivemos en Patrimonio para reivindicar a importancia da ruta do Camiño Inglés por mar, seguimos moi interesados neste proxecto. Estanse facendo cousas para que se teña en conta a importancia deste camiño. Queremos que isto avance e se inicie xa ese expediente definitivamente.

-No ámbito do turismo tamén vén de adxudicarse a concesión do albergue de Toxosoutos.

-Houbo unha licitación, presentáronse catro ofertas, a empresa gañadora entregou toda a documentación, pero no último momento manifestáronnos que non poden asumilo. Así que xa estamos traballando no proceso para que en primavera poida estar xa ocupado. Ese lugar merece estar explotado e aberto ao público, e creo que o Camiño tamén lle daría un empurrón moi forte. Sobre o turismo tamén temos moito que dicir en Lousame. Temos un museo mineiro que está recibindo visitas, que está no circuíto escolar da Deputación, e temos que ter unha guía alí en todo momento, ou polos menos nos meses de primavera e verán. Lousame ten recursos, espazos naturais impresionantes, temos rutas de sendeirismo preciosas como a do río Vilacoba e temos que aproveitar todo iso.

-É tamén unha maneira de fixar poboación, un dos cabalos de batalla de concellos coma o seu.

-Pérdese poboación, é unha tendencia que temos que reverter dalgún xeito e é moi difícil. Creo que hai que facer mesas de xente experta e propoñer iniciativas encamiñadas a fixar poboación no rural e a crear unha economía sostible, hai moitos recursos que poden dar lugar ao emprendemento.

-Para iso tamén son importantes as comunicacións, ¿como vai a obra da conexión co corredor?

-Moi avanzada. O prazo de entrega máximo era agosto do 2018 e consideran que vai estar moito antes. Esta actuación incide nunha maior seguridade viaria, achega Lousame a Santiago e dá pé a, no futuro -xa estamos traballando niso tanto o alcalde de Noia como eu-, comunicar a ambos concellos cara o resto do territorio.