En Leiro redactáronse os sucesos máis importantes da metade do século XVI

Xesús Santos / Xosé Comoxo

BARBANZA

CEDIDA

Saíron da man do crego de Santa María Amaro González de Villamoure

24 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Amaro González de Villamoure estudou en Santiago. Ordenouse de presbítero en 1544, pasando a ocupar, dous anos despois, o cargo de ecónomo en Carril. En 1552 entrou de reitor na igrexa de Santa Columba de Rianxo, onde estivo ata 1563, cando foi nomeado cura de Santa María de Leiro, coa aprobación do posuidor do padroado Lanzarote Mariño. Nesa parroquia había pouco máis de 30 fregueses, todos vasalos do arcebispo, a quen pagaban anualmente por razón de tal señorío un dereito que chamaban «fogaza», que importaba 14 ferrados e medio de centeo, un de millo miúdo, 22 reais e 22 marabedís.

Amaro González debeu falecer a finais do século XVI deixando un manuscrito de certo interese histórico, redactado a mediados dese século, no que relatou diferentes vicisitudes do momento, de grande importancia para coñecer a vida cotiá daquel tempo, especialmente das terras da Arousa.

Anotación de sucesos

Anualmente foi anotando os sucesos máis importantes que ocorrían e, segundo López Ferreiro, «con cierta libertad de criterio, no dejó de emitir su juicio y hacer sus comentarios».Documento atopado séculos despois polo referido cóengo-investigador López Ferreiro, posiblemente nunha das súas visitas á reitoral de Leiro a comezos dos anos 70 do século XIX, despois de ser nomeado cóengo do cabido de Compostela. Sacouno á luz na súa Historia de la S.A.M. Iglesia de Santiago, en 1909.

Outros investigadores que se ocuparon deses papeis, posiblemente depositados no arquivo da catedral de Santiago, foron: Manuel Murguía (El foro: sus orígenes, su historia, sus condiciones, Imprenta Seminario Conciliar, 1882) quen, ao tratar sobre a sega en Castela, as malas colleitas, a fame (como a de 1586) e a usura, botou man das notas de Amaro González: «sólo se sostenía el reino de las grandes extracciones que para las armadas de Indias y demás, se hacían en la Coruña y poblaciones del litoral. O «historiador» de Leiro achacaba eses males aos castigos do ceo, diciendo faltaba la justicia y que los jueces (...) de los pecados veniales de los pobres hacían mortales y nunca salen de las cárceles, y de los pecados mortales en los ricos los hacen veniales para nunca entrar en ellas».

Usura

Sobre a usura afirmaba que «daban las cosas fiadas a más precio de lo que valen; (...) comprando para revender a los pobres a quien lo compran alzando cada un precio, ansi en los mantenimientos como en otras cosas, pidiendo lo que no les deben, negando lo que les pagan, comprando por menos precio las haciendas a los pobres por los ver en necesidad y trabajos y venderles las suyas en mas de lo que valen sin conciencia y sin justicia».

Cuestións das que se ocuparon, entre outros, Couceiro (La Noche, 29-1-1951), quen menciona a fantasía do crego Amaro ao afirmar «que en una noche de Navidad, hallándose el prelado (arcebispo de Santiago, Pedro Muñíz, 1207-1224) en Roma, con sus artes mágicas, vino por los aires y llegó a tiempo de cantar la última lección de maitines».

Amaro González foi nomeado cura de Santa María de Leiro en 1563, cando había uns 30 fregueses