IES Porto do Son«Coa aprendizaxe audiovisual consegues resultados académicos a curto prazo»

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

IES PORTO DO SON

O alumnado rodará a morte de Sócrates, tras vir de gravar unha «performance»

12 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai cinco anos, o IES Porto do Son iniciaba un proxecto do que nese momento ninguén albiscaba ou era quen de palpar os seus límites. O equipo directivo e un grupo de docentes tomaban a decisión de mudar esteticamente o salón de actos, implicando ao alumnado de diversificación. Se cada verán empregaban fondos do centro para contratar a pintores, ese ano decidiron que mercarían eles a propia pintura e que así fosen os rapaces os que creasen os novos espazos. Deste xeito, aquela sala, muros, portas e ata a biblioteca convertéronse nun lenzo no que se debuxou unha filosofía creativa e de participación. Mais faltaba unha canle que lle dera visibilidade cara a veciñanza. Así foi como a Sala Perseveira nacía como un teatro que se convertía inmediatamente en compañía e produtora.

Na actualidade, a Sala Perseveira engloba os diversos proxectos que teñen lugar no instituto sonense. O último deles consistiu na gravación dunha performance celebrada o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, que levou por título IESON Black Friday. Sen embargo, esta mesma semana comezará a rodaxe dunha iniciativa pioneira, trasladar un dos diálogos filosóficos más coñecidos da historia á pequena pantalla. A morte de Sócrates.

Rodar e concienciar

«O traballo presenta un xogo entre o pano dos Sanfermíns e o triángulo como icona masculina», explicou Fernando de Castro, docente e un dos coordinadores da Sala Perseveira, da curta que denuncia a violencia sexista, na que participou case toda a comunidade educativa do centro e que toma a estética da campaña Concellos en Negro. Vestidos de escuro e portando cartaces con frases do que pode pensar unha rapaza cando volve soa á casa de noite, así se realizou a proposta dunha cinta en plano secuencia e en branco negro, que só adquire cor nos últimos fotogramas.

«Os rapaces queren ter o seu recoñecemento e sentirse os protagonistas», destacou De Castro, á vez que indicou que os proxectos multitudinarios se desenvolven nos recreos ou en materias específicas, como pode ser a de Investigación e Tratamento da Información, onde empregan os smarthphones para aprender a gravar. Precisamente, os seus estudantes realizarán unha serie de curtas de ficción, por grupos de cinco, no que deberán retratala soidade, despois de vir de facer o mesmo co medo.

Pero esta semana todos os ollos están postos na iniciativa que impulsa o departamento de Filosofía, polo que os rapaces elaboraron un guión a partir do famoso diálogo de Sócrates e rodarán o xuízo polo que decide suicidarse tomando a cicuta.

Metodoloxía formativa

O outro gran proxecto que captarán as cámaras no instituto sonense pasa pola Ruta da Auga, unha andaina educativa, que promoven os rapaces do ciclo de Condución de Actividades Físico-deportivas, e que leva a todo o centro a coñecer o pobo e o ciclo da auga visitando lugares como Cans, o faro de Caveiro, a EDAR ou a praia de A Aguieira.

«Coa aprendizaxe audiovisual consegues resultados académicos a curto prazo», expresou Fernando de Castro para puntualizar que, con esta completa metodoloxía, os beneficios «despois aínda son maiores, porque medran no tempo». Deste xeito, o profesor non pode evitar emocionarse ao lembrar algúns dos primeiros traballos que inauguraron a Sala Perseveira, un videoclip ao que Pati Bazarra lle puxera voz ou unha peza na que actuara Sara Santamaría. Hoxe, aquelas antigas alumnas, que un día alzaron as mans con timidez sobre os pupitres, convertéronse en cantante de orquestra e en actriz, respectivamente. ¿Casualidade?

¿Onde podo ver os traballos da Sala Perseveira?

A canle está aberta a toda a sociedade e outros centros educativos introducindo o nome do proxecto na barra de procuras de Facebook ou a través do seguinte enderezo: www.youtube.com/fernandodecastro