José Manuel Bermúdez: «Publicar un libro supervendas é o soño que ten calquera escritor»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

O muradán vén de publicar a súa cuarta novela, titulada «La becaria palestina»

19 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde hai poucos días, os muradáns amantes da lectura teñen á súa disposición, nas librarías da vila, La becaria palestina. Trátase da nova novela dun veciño da localidade, José Manuel Bermúdez. O libro está pendente de ser publicado, pero o feito de sostelo entre as mans é para este escritor motivo de satisfacción. Coa complicación que supón abrirse camiño no mundo da literatura, ter conseguido sacar á luz cinco volumes, un deles de carácter histórico, é como para sentirse orgulloso dos froitos dun esforzo que comezou e segue a ser considerado polo autor como unha afección.

Calquera idea que lle vén á cabeza constitúe unha fonte de inspiración para este escritor autodidacta, que ten na historia un escenario predilecto á hora de poñerse a escribir: «Aínda que me gusta abranguer un amplo abano de temas, si que prefiro, se é posible, partir dun escenario real e logo desenvolver o relato, aderezándoo claro está cunha gran dose de ficción». Foi seguindo este esquema como José Manuel Bermúdez lle deu forma á que constitúe a súa cuarta novela, La becaria palestina, que viu a luz da man da editorial Círculo Rojo.

O autor quere que os lectores se mergullen nas páxinas que conforman a obra, pero anímase a adiantar unhas pinceladas do que atoparán no interior: «É unha historia de amor e de odio, sobre unha relación entre unha rapaza palestina e un militar israelí. Os dous teñen que superar unha serie de problemas que xorden na relación, aos que hai que sumar os do propio conflito entre países».

Non é a primeira vez que o muradán recorre a un escenario histórico real para ambientar unha novela. A revolta dos gorrións, un volume que foi publicado hai un par de anos, desenvólvese no contexto da revolución irmandiña de Galicia. As outras dúas novelas asinadas ata o de agora polo escritor barbancés xiran ao redor de temas moi diferentes. Na primeira, De la luz a las tinieblas, Bermúdez fai un percorrido cargado de misterio polo traxecto que hai entre a vida e a morte; mentres que en Mucho antes de ser mujer, mergúllase no escuro negocio das drogas.

Proxectos e aspiracións

A maiores, o escritor de Muros ten publicado un libro sobre a historia do municipio. Precisamente relacionado con este volume está un dos proxectos que ocupan a mesa do seu estudo: «O texto que eu elaborei no seu día era de eido comarcal e tocaba aspectos diversos, como a xeografía, os costumes e a historia. A editorial optou por cinguir a publicación a Muros, pero a min gustaríame recuperar o resto do material». Tamén inviste o seu tempo en traducir ao castelán A revolta dos gorrións.

Despois de desempeñar diversos oficios, desde albanel ata brigadista forestal, pasando por monitor de cursos formativos ou propietario dunha tenda de informática, José Manuel Bermúdez non dubida á hora de recoñecer que escribir é o que realmente o enche: «Saber que hai alguén que le as miñas obras é para min a maior das recompensas posibles».

Engade que o seu obxectivo prioritario é, nestes intres, seguir escribindo: «Como a literatura é para min unha afección, o que quero é mantela». Botando a imaxinación a voar, como cando se pón a escribir, tén claro o seu desexo: «Publicar un libro supervendas é o soño que ten calquera escritor. Eu teño os pés na terra e sei que, de cada 10.000 ou 100.000, so un logra ese éxito, pero hai que pedir».