Onde comeza a cola da serpe?

FERNANDO LOSADA

BARBANZA

Manfred Richter

Hai moitísimo tempo, viviu o antepasado común dos réptiles

26 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Como cada día, Eva tomou un almorzo e foi á súa pequena granxa mirar polos seus animais: dous cadelos, unha cabra, un galo, sete galiñas, un macho de pavón, tres coellos e un par de porcos bravos (porque lle gustaba moito a carne de xabaril). Polo camiño, pasaba sempre xunto a unha gran rocha de granito na que xogan moito os seus netos cando van facerlle unha visita. Case nunca lle presta atención, mais esta vez viu o que parecía unha pequena serpe que, de súpeto, correu para ocultarse nunha fenda ante o sorriso da vella.

Se estivese aquí calquera dos seus veciños matarían o réptil, non vaia ser que mordese ou asustase algún dos seus animais (ou mesmo a ela), pero Eva estaba tranquila. Sabía que a maioría das serpes galegas non teñen veleno, e por riba, o que estaba a ver non era nin sequera unha serpe, senón un lagarto sen patas. A súa filla, herpetóloga (é dicir, especialista en anfibios e réptiles), contoulle que, hai moitísimo tempo, cando os dinosauros camiñaban pola Terra, viviu o antepasado común de todos os lagartos e as serpes, e co paso do tempo, a súa descendencia adaptouse pouco a pouco aos ambientes onde vivían: os camaleóns poden cambiar de cor segundo sexa o seu estado de ánimo, os varanos volvéronse moi grandes (ata tres metros), e outros, como as serpes, perderon as patas, xa que así poden moverse por lugares aínda máis estreitos. Pero o que estaba a ver Eva non era unha serpe, senón un lagarto sen patas. Cal é a diferenza? Moi sinxelo: as serpes teñen a cola moi curta. Pero, onde comeza a cola dunha serpe? Verémolo despois.

Exemplo de ofidiofobia

O que viu Eva foi un macho adulto duns 40 centímetros de escáncer (Anguis fragilis), como o da foto. Come principalmente larvas de insectos e lesmas, e por iso é moi bo que estea no campo, aínda que a súa veciñanza non pense o mesmo: matan todo o que semella unha serpe. Outro exemplo de ofidiofobia que afecta estes lagartos. Por sorte para el, nesa horta está a salvo dos humanos, non así de serpes como a cobra lagarteira ou a víbora de Seoane, nin de aves de rapina como o lagarteiro.

Un mes antes, a vella viu un parente do escáncer, que semellaba unha especie de «eslabón perdido», só que máis longo e coas patas tan reducidas que non lle serven para nada; estas non teñen función, e seica o animal poderíase mover mellor de non telas, pero poden darnos información do pasado da súa especie. Como eran moi pequenas e tiñan tres dedos, soubo que era un esgonzo común (Chalcides chalcides), moi abundante en Galicia, pero en certos lugares das Rías Baixas, Carnota ou en parte das Illas Atlánticas, pódese ver o esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai), cuxas patas de cinco dedos son algo máis longas. Se Eva fose a Verín, mesmo podería atopar o escáncer cego (Blanus cinereus), sen patas e semellante a unha miñoca.

Eva lembrou unha conversa coa súa filla: «A cola dun réptil vai desde o seu ano ata o extremo do corpo; e mentres que as serpes o teñen preto do final (cola curta), nos lagartos sen patas está moito antes, polo que a súa cola é moito máis longa en relación ao corpo, e ademais, pode desprenderse dela para escapar dun depredador». Moito sabe a súa filla.