Mari Carmen González: «As mulleres que teñen diversidade funcional están máis que esquecidas»

a. novo / m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Integra un equipo que desenvolve un programa de empoderamento feminino

19 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Por terceiro ano consecutivo, Ambar vén de poñer en marcha un programa de empoderamento feminino. Do que se trata é de facilitarlle ás mulleres con diversidade funcional unha serie de recursos para que sexan quen de tomar decisións e de asumir así as rendas das súas vidas. A psicóloga Mari Carmen González é unha das profesionais que se encargan de executar este plan. Accedeu a contar os detalles do mesmo en Radio Voz Barbanza, dentro do espazo Voces da diversidade.

-¿Como xorde este programa?

-Partindo dos valores da propia entidade, que son a procura da independencia das persoas con diversidade funcional, chegaron a nós solicitudes e inquedanzas das usuarias do centro, das súas familias e de outras persoas da zona, que viñan pedindo asesoramento en certos aspectos que notamos que faltaban. Sobre todo, detectamos que as mulleres con diversidade funcional intelectual tamén teñen necesidade de facerse protagonistas do seu proxecto de vida.

-¿Cales son os grandes eixos deste programa?

-Por un lado, o asesoramento ou o apoio para recorrer a servizos da comunidade, como poden ser os administrativos e os sanitarios. Logo, hai un servizo de atención psicolóxica, que se dedica máis a traballar no eido da autoestima, a resolución de conflitos, esas inquedanzas e medos que atopan. Trabállase tanto de xeito individual como con terapias de grupo. Despois, hai un servizo de asesoramento xurídico, que quizais sexa o que enlaza máis coas familias, pois refírese sobre todo ás medidas de protección xurídica, asesórase sobre que tipo de alternativas teñen para elaborar o seu plan de vida. A preocupación dos pais soe ser que vai ser dos seus fillos cando falten e as mulleres con diversidade funcional tamén teñen esa preocupación. Pensan, que vai ser de min. Cando falecen eses familiares de apoio, non só teñen a perda, senón que teñen que reestruturar toda a súa vida e ás veces non teñen voz na toma de decisións. Son cuestións que hai que preparar con tempo.

-¿Queda aínda no tinteiro algún eixo máis deste programa?

-Si, tres máis: un para relacionarse coa comunidade, outro para a adquisición de habilidades sociais e persoais básicas como o coidado persoal, que consiste nun obradoiro de estética e alimentación saudable; e, por ultimo, servizos de orientación e mediación laboral. Este é o que máis avanzou, pois recolle a mulleres que xa estiveron outros anos no programa, que xa teñen formación nos outros eixos, e dan o outro paso, elaborando currículos e mesmo participando nos procesos selectivos da Administración pública. O ano pasado houbo dúas persoas que quixeron presentarse e axudámoslle.

-¿Recorren a estes servizos a maioría das usuarias de Ambar?

-Si, pero hai un proceso anterior. Teñen que darse de conta de que son as protagonistas e as responsables da súa vida, e iso require unha preparación. É algo que asusta, porque son persoas que nunca foron responsables da súa vida e que sempre foron outros os que tomaron as decisións por elas. O programa pretende que as mulleres se decaten do papel protagonista que teñen, pero non se trata de impoñerllo.

-¿Teñen as mulleres con diversidade funcional dificultades engadidas con respecto aos dos homes?

-Non sei se é polo feito de ser mulleres ou pola aprendizaxe cultural, pero o que detectamos é unha indefensión aprendida, unha sensación de que non poden opinar. Se ben as persoas con diversidade funcional están ás veces un pouco esquecidas, as mulleres que teñen diversidade funcional están máis que esquecidas.

-¿Traballan con este programa precisamente para cambiar iso?

-Si, claro, con este e con outros programas. É moi importante empezar a cambiar as palabras, os valores, empezar a falar de empoderamento e de autoxestión, e entender o significado. Iso leva tempo e conséguese a medida que se vai aplicando, que se toman decisións aínda que sexan pequeniñas. Iso é o principio, e sen iso non se chega a outras cousas.