María Magán: «Galicia atópase na periferia do que está a pasar na arte contemporánea»

MANUEL TEIRA

BARBANZA

ABRALDES

La Doce traerá a Boiro artistas residentes en setembro e outubro

23 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, deixámonos imbuír por La Doce, a galería de Boiro que dirixe e xestiona a artista María Magán, e con ela, nesta tarde de choiva infinita imos manter unha conversa que nos permita sabermos deste espazo, e tamén da arte e dos seus proxectos artísticos.

?María Magán, algún día soñaches La Doce?

-Non sei se foi un soño exactamente; máis ben naceu como unha idea que foi medrando comigo mesma.

?Cóntanos, que é realmente La Doce, como se che ocorreu esta idea?

-Pois La Doce é un modelo empresarial que parte dos meus intereses persoais á hora de traballar nun ámbito creativo. Dende hai uns dez anos sempre contemplei a posibilidade de ter o meu propio taller no que dar formación, pero logo esta idea inicial foi mudando ata converterse no que é actualmente. Por outra banda, o auxe dos espazos de coworking son unha mostra dos beneficios e posibilidades que ten traballar en espazos compartidos. O espazo de galería foi unha necesidade persoal para non afastarme do mundo da arte nunca, e poder amosar diferentes propostas de artistas novos, polo que se habilitou un espazo de galería no que amosar diferentes propostas de artistas. E claro, todo isto tiña que ser rendible economicamente, polo que facemos tamén enmarcación de obras e vendemos material de Belas Artes.

?Dinos, que é, que representa para ti a arte contemporánea? Cal cres que é en realidade o seu sentido?

-Por definición, a arte contemporánea é a arte do noso tempo, da nosa xeración e, como tal, o seu sentido é amosar como é o mundo e a sociedade actual. Penso que non ten sentido seguir facendo o mesmo traballo artístico de anos atrás.

?La Doce, logo de dous anos e medio de traxectoria, estase a converter en todo un referente da arte contemporánea na comarca do Barbanza, ademais de ser unha das galerías que apunta forte en Galicia. Estabamos tan lonxe da arte contemporánea?

-Galicia, en xeral, atópase na periferia do que está a pasar na arte contemporánea. Con todo, unha amiga que é crítica sempre di que a arte contemporánea habitualmente prodúcese fóra dos circuítos da arte contemporánea, polo que desde ese punto de vista, é unha sorte estar fóra [ri]. No Barbanza si que estamos un pouco esquecidos. Hoxe a arte é participativa, interactiva e inclusiva, nada que ver coa fachada de elitismo que se lle puxo hai un tempo.

-Que nos podes dicir dese proxecto de La Doce sobre artistas residentes, e que tanto está dando que falar?

-Trátase de seleccionar, a través dunha convocatoria, proxectos de produción ou investigación artística contemporánea de creadores nacionais ou internacionais que desexen traballar na nosa contorna. Tras dalgunha negativa da institución local, finalmente, o Injuve (Instituto de la Juventud) vai financiar as residencias deste ano. Creo que é unha oportunidade para Boiro e para o Barbanza traer artistas que veñan producir contidos simbólicos, así como poder organizar con eles obradoiros, encontros. Ademais, entendo que na arte, ás veces, o proceso de creación é tan importante como o resultado final. Por iso, nos meses da residencia, setembro e outubro, o taller de La Doce estará aberto para que aquelas persoas que queiran achegarse a coñeceren os artistas poidan facelo.

?Como miras ti a arte no Barbanza, e cales coidas que son as súas virtudes e os seus problemas?

-Aínda que existen amantes da arte no Barbanza, penso que non acudimos ás nosas propias citas o suficiente. Por outra banda, outro dos problemas que temos é que non existimos nos medios de comunicación autonómicos. A prensa audiovisual e escrita só ten en conta exposicións en galerías das capitais.

-La Doce este ano estivo seleccionada para participar en Art Fair. Que supuxo para a galería este paso tan importante, e atoparse entre as mellores galerías do país? Como vivistes esta experiencia?

-Pois foi un honor ser a única representación galega en Madrid na Feira Internacional de Arte Emerxente 2018 (Hybrid Art Fair), no medio de propostas de galerías internacionais. Estamos moi satisfeitos do traballo porque gustou moito a proposta de comisariado, que saíu en críticas e medios de comunicación. Viñemos cargados de felicitacións e foi un pracer representar o traballo dos artistas que viñeron acompañarme.

-María, como fas, ou facedes para planificar a vosa actividade na galería e programar todos os seus actos?

-O meu grande apoio é Vicente, o meu compañeiro de vida e socio en La Doce. Eu tomo case todas as decisións de programación, pero teño unha grande axuda pola súa parte.

-Coidas que a paisaxe da infancia determina o noso futuro?

-O futuro búscase. Logo, a sorte ou o azar fai que ese futuro estea máis ou menos preto.

Marchamos coa conversa lúcida de María Magán, buscando o futuro.