A fundación do grupo Redeiras e Xeiteiros-Hermandade de Terra e Mar, en Rianxo

XESúS SANTOS / XOSÉ COMOXO

BARBANZA

CEDIDA

Impulsado polo boticario José Carnero, foi froito da unión de senllos colectivos de baile e canto coral

27 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando o boticario José Carnero Valenzuela, procedente de Santiago, tomaba posesión da farmacia de Rianxo, en 1948, na vila rianxeira había un grupo de mozos interesados polo baile rexional; eran Máximo Alcalde, Manolo Abuín e Ramón Domínguez, que andaban a formar un grupo de baile. Carnero aproveitou para apoialos e colaborar con eles na coreografía. Os ensaios realizábanos, ben no salón de baile de Rubén, ou ben na fábrica de conservas do Castillo.

Contaron coa axuda e participación dun grupo coral, formado por mozos e mozas que viñan demostrando certo entusiasmo polo canto; estaba a cargo de Manolo Fritada, que os unía na casa familiar da praza da Igrexa para os ensaios, que dirixía desde a cama, onde estaba prostrado debido a unha enfermidade.

Crónica de Borobó

Coa unión de ambos grupos fundaron Danza de Redeiras e Xeiteiros-Hermandade de Mar e Terra de Rianxo. Eran 34 mozos e mozas. Os homes, case todos mariñeiros, ensaiaban sempre que non saísen ao mar. Actuaron por primeira vez nas festas da Guadalupe de 1948. Nesa ocasión, a dicir de Borobó, Carnero «introdujo un número completamente inédito en las fiestas de Rianxo: la danza de las espadas. El entusiasta licenciado les enseñó una danza muy bonita y que varía bastante de la de Carril. Bailan con una red, parodiando las faenas de pesca, en vez de cintas. Y en cada uno de los extremos, el capitán y el teniente blandían sendas espadas. El capitán era el hijo del alcalde».

Tiñan a ilusión de danzar en Santiago nas festas do Apóstolo de 1949, pero o plan fallou. Bailaron na vila diante do gobernador civil e do comandante da Mariña de Vilagarcía, que viñeran a presenciar os festexos da Virxe do Carme, organizados pola Confraría de Pescadores.

En Santiago estiveron no ano 1950, para competir, nun salón do Hotel Compostela, cos grupos de danzas de Carril e Betanzos, quedando os rianxeiros ganadores do concurso.

Produtora francesa

En xullo de 1952, unha produtora francesa dependente da Comisión de Peregrinaciones Diocesanas de Le Mans, dirixida por Abad Brouthome, que estaba a filmar o Camiño de Santiago, interesouse polo folclore da ruta xacobea e achegouse ata Rianxo para filmar escenas da vila e das danzas redeiras do grupo: «Prendidos en las mallas de la típica red («que elevan en el aire y sujetan a su ritmo los bailarines») tejen el poema milenario de arte coreográfico y un alarde deportivo de pujanza física en las evoluciones de treinta y cuatro atletas de ambos sexos donde no se sabe qué admirar más: si la femenina galanura de las bellas danzarinas o la masculinidad y nobleza de porte de los varones en rítmica asociación de una arcaica música de muiñeira».

Catro anos despois, o pedagogo e poeta Roxerius, escribiu o seguinte referido ao grupo, que xa camiñaba cara á súa desaparición: «Para penetrar en todo el sentido artístico y rítmico de Rianxo, hay que pasar recado al Boticario, que moverá sus huestes de danzantes y se podrá saborear esa estupenda Danza das redes, el más enxebre ballet que se haya podido contemplar hasta ahora, insuperable en gracia, movilidad y estilo (pena que no se ensaye algo más y se procure vestuario adecuado)».

O grupo actuou por primeira vez nas festas da Guadalupe de 1948