A luz fluída de Manuel Paz

ANTONIO PIÑEIRO

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

27 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O tempo, ás veces, volve a nós a través do intre, da paisaxe moldeada por unha raiola, un estado de ánimo ou a lente sensibilizada dun fotógrafo. Hai ese algo que conservan os obxectos, os recullos, e que a miúdo só ese trebello propiciador é quen de extraer. Ese algo polo que sabemos que o con non é só un con. Pousar a man sobre os vellos norais do peirao e volver sentir escorregar a auga dos cabos, a prata das xoubas ou o pingar das roupas de auga (sempre me pareceu tan nosa coma poética, esa expresión: roupa de auga).

Manuel Paz vén de encher de tempo unha serie de lenzos fotográficos. Unha marabilla da ollada. Están no espazo do Concello de Ribeira. Na Casa Consistorial.

Enormemente suxestiva, a mostra (a luz coma fluída, de cada imaxe) de Manuel Paz, paréceme que ten un fortísimo poder de transportación. Permítome convidalos a vostedes fervorosamente a comprobalo. No meu caso foi ­-xa digo- coma un impacto do tempo.

Ribeira, fermosa como é, queda enxalzada de épocas, luces, sons, cores recordadas polo tratamento delicioso de Manuel Paz. Uns espazos escollidos na fermosura natural da vila e a súa bisbarra, que moitas veces dubidamos se temos vivido ou soñado. Iso, tamén, que ás veces nos fai decatar de que a beleza está na sinxeleza do penedo, na distancia, na soidade da revolta. Na rocha dotada das formas dun intre, coma o que buscaba nas medas Claude Monet; nunha verea en perspectiva frontal, con árbores e arume, que nos evocase o lirismo de Alfred Sisley (auga, ceo, brétema); ou nun recullo de s24William Merritt Chase.

Manuel Paz engádelle á lente o seu ollo poético e admirado. Engádelle algo da densidade espiritual dos recordos. Semella que as imaxes nos leven aló, alén, dentro de nós mesmos, onde se garda esa imprecisión da luz.

Vai ser difícil aquí, neste artigo, que a calidade do papel urxente, o do xornal, poida servir para dar unha idea do que digo. O mellor é que se acheguen vostedes, insisto, a comprobalo en persoa. Unha verdadeira recreación dos sentidos. Un intre agradable coma poucos. Ao estar diante destas imaxes van ter, iso pódollelo garantir, unha impresión e unha noción diferente da realidade espacial e paisaxística de Ribeira. Porque Manuel Paz baleirou a imaxe de contido notarial para enchela de contidos emocionais (o lugar, a luz, o recendo albiscado ­ -o da beiramar, por exemplo- desta Castiñeiras que escollo para ilustrar o comentario) e para que sexa o espectador o que acabe de enchela. Porén, as de Manuel Paz son imaxes nas que a vida do intre nos da a vida do Tempo -xa ven que volvo ao comezo e poño o Tempo con maiúscula-; son imaxes de revelación, de evocación, de transubstanciación, da consciencia xenuína que só pode dar a ollada ofrecida dun bo fotógrafo.

«Castiñeiras» pode verse na exposición do Concello FOTo CARMELA QUEIJEIRO