Noia, un espazo da memoria

PEDRO GARCÍA VIDAL

BARBANZA

CEDIDA

Unha paisaxe construída no decorrer dos séculos

27 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao igual que as persoas, algunhas cidades posúen tamén certificado de nacemento. No caso de Noia ten data de 9 de abril de 1168, momento en que o rei Fernando II lle outorga a súa Carta Pobra, polo que a vila vén de celebrar o seu 850 aniversario. Logo de tanto tempo, a memoria devalou, e a cidadanía foi perdendo conciencia do mundo que a creou. Os novos habitantes da vila non recordan case nada. Miran arredor e non recoñecen a man dos creadores. Pero as pegadas están aí, permanecen como testemuñas mudas dun pasado feito por quen nos precedeu.

No conxunto urbano de Noia, o casco histórico aparece claramente diferenciado. As augas do mar e do río son fronteiras doadamente percibidas a falar dun pasado marítimo e mercantil onde a vila cimentou o seu esplendor como Portus Apostoli.

As rúas de bordo, por terra, substitúen agora as antigas murallas desaparecidas que daban carácter de cidade a quen como Noia gozaba dun recinto por elas abrazado. No interior deste espazo, un conxunto de rúas, calellas ou congostras, algunhas das cales se abren a pequenas prazas, permiten o tránsito entre un apertado casarío.

Mundo que outros crean

Nesta artificial paisaxe de séculos, observamos o mundo que outros crearon. Non podemos dar un paso sen pisar o resultado da súa obra. Nin abrir os ollos sen vermos o trazo da súa pegada. Unha obra que é todo o que nos rodea. Só o descoñecemento nos fai ser ingratos cos seus creadores. Esquecemos os seus nomes ou non apreciamos moitas das realizacións que nos legaron.

Neste territorio da memoria percorremos a vila a través dunha xeografía bautizada na que todo ten recibido o seu nome: rúa da Laxe, praza do Tapal, porta da Peregrina, igrexa de San Martiño, pazo Dacosta, hospital de Adentro, barrio da Peixería, etc. Incluso nos bordos próximos, no que foron antigos barrios extra muros, atopamos igualmente vestixios e nomes desa xeografía referencial: rúa da Corredoira de Afora, barrios do Espírito Santo, da Pedrachán, San Lázaro ou Campo das Rodas, igrexa de San Francisco, Alameda, Campo da Feira, Besteiros, Pelamios, Cuncheiros, entre moitos outros.

Fóra deste espazo histórico, a metástase do «progreso» borra calquera trazo de diferenciación co que poder orientarse. O urbanismo especulativo avanza sobre un mundo rural que esmorece sen protesta. A vila contemporánea oculta os derradeiros vestixios da ruralidade mentres que, pola contra, no campo percíbense cada vez con maior nitidez os sinais de identidade que perfilan a súa condición urbana. Nestes espazos de bordo, ignórase a riqueza urbanística previa en forma de pequenos núcleos habitados que dotaban de identidade e singularidade eses lugares, para substituílos por bloques uniformes en alturas e volumes esaxerados.

O mimetismo construtivo imponse da man dun urbanismo tecnocrático e elitista, un urbanismo de laboratorio realizado por técnicos cunhas claras orientacións do poder político, que traza liñas sen contar con esas realidades previas. Unha urbanización sen sentido coloniza o territorio para producir a perda da identidade e da memoria.

Paseniñamente a non cidade, onde domina a desorientación e o desacougo, asolágao todo. Só queda o consolo de retornar acotío a ese espazo íntimo e acolledor que é a vila histórica, esa illa de memoria que alimenta e reconforta.

A vila histórica, unha illa de memoria que alimenta e reconforta