Álvaro de la Vega: O artista que lle ofrece unha segunda vida á madeira das bateas de Arousa

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

O lugués atopou en Rianxo, onde reside agora, o seu sinal de identidade

18 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

En cuestións de arte, nada está escrito. Hai quen, innovando, atopa a fórmula axeitada para ofrecerlle unha segunda vida a materiais que, doutro xeito, rematarían no lixo. Álvaro de la Vega, un escultor de Paradela (Lugo), descubriu a madeira das bateas cando chegou a Rianxo, vila na que reside desde hai unha década, e decidiu convertela na súa marca de identidade. Agora leva as súas coleccións, nas que figuran pezas que levan a pegada da salitre da ría de Arousa por diferentes recunchos de Galicia e incluso máis alá.

A obra de Álvaro de la Vega atópase nestes intres repartida entre a galería La Catedral de Lugo, onde exhibe medio cento de esculturas de corte figurativo, e a Universidade de Lisboa, en Portugal, onde achega media ducia de pezas de gran formato a unha exposición na que comparte protagonismo cun amigo luso, Vitor Riveiro. Foi el quen o convidou a participar nesta mostra, a segunda que fai en terras portuguesas.

Aínda que o artista atopou no mar un complemento axeitado para as súas obras, a súa fonte de inspiración está na terra: «Trato de achegarme aos seres vivos que están ao meu redor, fundamentalmente aos humanos, aínda que tamén teño algunha serie de animais, sobre todo cabalos. A súa proximidade constitúe para min o aporte necesario de complicidade á hora de crear».

Evolución desde a pintura

Como tantos outros escultores, Álvaro de la Vega iniciouse no mundo das artes da man da pintura. En Barcelona, onde estivo residindo 13 anos, chegou a realizar varios grafitis. A finais da década dos 80, cando contaba con preto de 30 anos, empezou a sentirse atraído polas formas: «Comecei facendo certos experimentos pictóricos con relevo e caín na conta de que estaba máis cómodo traballando o espazo, que me sentía mellor no eido tridimensional». Xa en Cataluña organizou a súa primeira exposición de esculturas, eido no que continuou ao seu regreso a Galicia.

Cando desembarcou en Rianxo volveu a experimentar: «Descubrín a madeira das bateas e gustoume moito, así que decidín empezar a traballar con ela. Non é o único material que emprego nas miñas obras, pero si que aparece de xeito periódico no meu traballo». Asegura que nos grosos e desgastados taboleiros encontrou características únicas: «A madeira das bateas dá calidades de cor moi interesantes, debido sobre todo ao óxido dos ferros que ten cravados e ao efecto da auga salgada. Gústame moito esa gama de cores».

Aínda que amosou os seus traballos en galerías das principais cidades de Galicia e mesmo foi posible velas en Madrid, Álvaro de la Vega non é un artista coñecido en Barbanza, pero non lle importaría darlle un xiro a esta situación: «Cando xurda algún proxecto interesante na zona no me importaría expoñer». De feito, amósase gratamente sorprendido da intensa actividade artística e cultura que hai na comarca: «Antes residía en Corcubión e pola Costa da Morte non hai unha concentración de artistas tan importante como en Barbanza, nin unha rede que lle dea cobertura».

Cando chegou a Rianxo, Álvaro de la Vega xa se deixara envolver pola brisa do mar, un elemento que, aínda que non sexa de forma explícita, marca de algún xeito a súa obra: «Seguro que o mar está máis presente do que eu penso na miña escultura, actuando nos baixos fondos do subconsciente. Está claro que o mar pode cambiar o estado de ánimo e iso vai traducirse sempre no traballo».

A diferenza do que lle ocorre a outros artistas, el séntese afortunado, pois compaxina a afección pola arte co traballo de mestre de Plástica, o que lle permite crear coa liberdade de non estar encadeado ás ventas: «Coa crise dos 90 baixou moito a cotización da arte, a xente xa non merca obra para investir, senón para gozar deses traballos e o abano de compradores viuse notablemente reducido».