Mercados

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

19 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Publicaba este xornal que o 80 % dos novos comercios de proximidade de Ribeira non acaban consolidándose, unha realidade xeneralizada nun mundo cada vez máis global. Moitos pensan que unha das causas está na presenza das grandes superficies e outros, pola contra, na escasa formación dos tendeiros. Pode que sexa polas dúas cuestións ou por ningunha delas, pero a súa decadencia é unha realidade que se agudiza paulatinamente sen visos de volta atrás. Case que nestes tempos a mellor alternativa que se albisca estaría no uso das novas tecnoloxías e, niso, os concellos si que poden axudar.

Sen embargo, tamén no concello ribeirense, como noutros moitos, funciona ben o mercadillo dos sábados, como tamén o dos domingos en Noia, aínda que, pola boa comunicación pola AG-11, para Barbanza norte fáiselle máis doado acudir a Padrón, onde dispoñen dun amplo recinto e variada oferta, coa única tacha do escaso espazo para aparcadoiros. Nisto está mellor o da Pobra, pero celébrase os mércores.

Moito teño cavilado sobre o fenómeno da supervivencia de moitas das feiras e mercados tradicionais de Galicia, que antes tiñan a connotación case exclusiva da venda dos variados produtos do campo. Pois ben, aínda que agora con menor variedade polas inexplicables políticas restritivas da Xunta á venda de animais e outros produtos, coido que ese segue sendo o seu atractivo para o consumidor urbano que busca alimentos frescos, sans e de confianza e, de paso, están os tenderetes que venden moitas das mercadorías propias do pequeno comercio. Son as leis da competencia que os poderes públicos deberían respectar.