Rebeldía contra a suba dos presupostos

antón rodrÍguez gaLLARDO

BARBANZA

CEDIDA

O incremento dos soldos dos funcionarios enervaba á veciñanza de Boiro en 1932

29 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia da nosa comarca é abondosa en movementos de rebeldía veciñal contra o que se entendía eran abusos de poder. A maioría estaban vinculados ao pago de impostos, fora dun xeito directo ou mesmo indirecto, caso do episodio sucedido en Boiro na primavera de 1932, cando un numeroso grupo de persoas se rebelaba contra as contas do concello. A falta de ingresos, consecuencia das dificultades da recadación, lastraba a administración municipal, imposibilitada para afrontar con normalidade os seus pagos e realizar obras públicas que mitigasen o crecente paro. Neste delicado contexto económico, a intención do goberno local de incrementar os presupostos coa subida salarial dos funcionarios -seica preceptiva- enervará os ánimos da veciñanza, sabedora de que aquel incremento redundaría nunha suba das cargas fiscais. Así, na mañá do 30 de maio, un numeroso grupo de persoas concentrábase en Cimadevila, nas proximidades da casa do concello, á espera da celebración do pleno onde se trataría o asunto, co fin de meter presión ás autoridades locais.

A falta de quórum para celebrar a sesión alegada polo secretario municipal non disuadirá os concentrados que, segundo informes da alcaldía ao Gobernador Civil (7 xuño de 1932), entre berros e sen atender a razóns nin á promesa da celebración da sesión supletoria nunha data próxima, conseguían que o alcalde Benito Calo e o alguacil, acompañados de dous dos rebeldes, saísen nun coche na busca do número necesario de concelleiros. Finalmente, o pleno celebraríase pasadas varias horas e despois de que o secretario, funcionarios e algún edil decidisen non saír en todo o día da casa consistorial por temor a represalias.

Supresión de prazas

Entre os acordos que, mediatizado pola situación, tomaba o concello, incluíanse a reclamación ás autoridades gobernativas contra os soldos da comadroa e practicante, e os pagos aos inspectores farmacéuticos e veterinario. Tamén se decidía solicitar a supresión de todas estas prazas, así como a rebaixa da categoría dun dos médicos municipais e a redución dos soldos dos outros dous.

A proposta de poda dos presupostos completarase noutro caótico pleno, o do 6 de xuño, no que a instancias dos concelleiros da oposición, alentados pola multitude presente, acordábase pedir a supresión dos quinquenios do secretario municipal, así como das prazas de escribentes e de dúas das tres prazas de médicos. Esta irada reacción da veciñanza non collía por sorpresa o goberno, que uns meses antes (pleno de 24 xuño de 1931) acordara reclamar á superioridade contra a asignación obrigatoria de dous inspectores farmacéuticos, argumentando: «Que los presupuestos municipales están recargados con exceso y se nutren, puede decirse, exclusivamente, con el reparto general de utilidades, medio de tributación que alcanza a la clase proletaria y trabajadora, que constituye el mayor número del vecindario; y que por esta razón cualquier aumento sería motivo de alarma e inquietudes y causa, seguramente, de disturbios y alteraciones de orden público».

Dun xeito radical, a veciñanza máis afouta deixaba clara a súa posición fronte a uns presupostos que redundarían para mal nas súas economías, tanto por supoñer un incremento dos impostos como por eludir a realización de obras que aliviasen o paro. Ademais, prevían un aumento salarial aos funcionarios, incluídos o secretario e os seus oficiais, para os que en máis dunha ocasión se pedira publicamente a destitución como medio para erradicar o caciquismo. Só nunha sesión celebrada en secreto, o goberno municipal podería aprobar aquelas polémicas contas públicas que tanto rexeite produciran entre a cidadanía.