Airiños festexa sobre as táboas os 85 anos

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

Celebrará o aniversario con tres funcións dunha gala que poñerá en escena a case trinta actores e a oito músicos

19 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Auditorio de Rianxo • Venres e sábado • 21.00 horas • Domingo • 19.00 horas • O grupo de teatro Airiños regresa este fin de semana ás táboas do auditorio de Rianxo e faino cunha obra moi especial. Trátase de Esta noite, velada, unha gala ideada como unha festa de conmemoración do 85° aniversario da compañía. De feito, en contra do que fai habitualmente a formación, neste caso non haberá xira e o público só poderá ver o espectáculo na vila rianxeira.

«É un percorrido pola historia da compañía, que trata de renderlle homenaxe ás persoas que integran Airiños e ás que formaron parte no pasado, buscando tamén recompensar ao noso público máis fiel», explicou Esther Carrodeguas, a directora.

Esta gala especial situará no escenario a case corenta persoas: un elenco de actores no que reaparecerá Xesús Santos e oito músicos entre os gaiteiros de Río de Anxo, o dúo Barahúnda e José Luís Do Pico Orjais. Ao longo da montaxe exhibiranse fotografías relacionadas coa longa traxectoria da compañía e coas persoas que pasaron por ela.

Carrodeguas destacou a participación dunha ducia de integrantes da escola de teatro: «Queremos a canteira da compañía se faga conscientes da gran importancia que ten esa historia que Airiños leva ás súas costas».

Exposición

O espectáculo completarase cunha exposición, que se poderá ver a partir do venres no auditorio municipal. A mostra estará integrada por diverso material vinculado coa compañía, desde carteis das obras ata pancartas empregadas nas representacións, pasando por textos con anotacións realizadas polos actores.

As entrada para os tres pases xa están á venda ao prezo de tres euros. Pódense adquirir no bar Berberecho de Rianxo e na perruquería Pelos e no estanco Xacobiño de Asados. Tamén se poderán conseguir no auditorio, unha hora antes do comezo de cada un dos pases.