Cen anos dos fielatos

MANUEL MARIÑO DEL RÍO

BARBANZA

CEDIDA

Eran as casetas de cobro dos arbitrios e taxas que se aplicaban ao trasfego de mercadorías

30 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O fielato ou caseta de consumos era o nome popular que recibiron en España as casetas de cobro dos arbitrios e taxas, impostos sobre o trasfego de mercadorías. O seu nome procedía do fiel ou balanza que se empregaba para a pesada dos produtos e a cobranza das taxas correspondentes. Oficialmente era a estación sanitaria pois unha da súas funcións recadatorias servía para exercer un certo control sanitario sobre os alimentos que entraban nas vilas e cidades.

Aqueles pequenos edificios aduaneiros controlaron o paso dos xéneros desde 1845, cando se implantou o imposto de consumos dentro dunha ampla reforma tributaria levada a cabo polo Ministerio de Facenda, ata o comezo da década dos sesenta do século XX.

Nun comezo as casetas eran de madeira para logo construírse de pedra ou ladrillos e cemento. Situábanse nas principais entradas e saídas dos núcleos de poboación e, aínda que debían estar abertos desde o amencer ata o solpor; o certo é que o empregado nun fielato podía estar 24 horas seguidas, ás que logo seguían outras tantas de descanso.

Tendo en conta que non existían automóbiles, ou eran moi escasos, as mercadorías eran transportadas en carros tirados por animais ou carretas empuxadas por persoas polo que non era doado fuxir sen pagar. Como era lóxico, os vendedores procuraban eludir a vixilancia do inspector correspondente para introducir animais, ovos, trigo, leite, pan, peixe,... agochándoos. Esta tarefa era difícil, pois os inspectores subían ás carruaxes e revisaban os produtos transportados obrigando a satisfacer as taxas que lles correspondían. Mesmo había quen, aproveitando a escuridade da noite, buscaba atallos para introducir os xéneros, produtos ou animais, pois non estaban dispostos a pagar por eles xa que, en moitos casos, ía constituír o sustento das súas familias.

Antecedentes

O cobro dos arbitrios tivo antecedentes nun pasado nas alcabalas que se cobraban nas entradas das poboacións ou, máis recentemente -século XVIII- nos coñecidos como dereitos de portas que se pagaban nas entradas das cidades e vilas importantes, onde se fixaban uns carteis coas tarifas a pagar polos diferentes xéneros e alimentos que se pretendían introducir para a súa venda.

A finais do XIX entrou en vigor un regulamento con tarifas para a administración e cobranza do imposto de consumos. Un artigo moi curioso dicía: «Por punto general no serán abiertos ni reconocidos los equipajes, cuando manifiesten sus dueños que no contienen especies de adeudo; pero en caso de sospecha vehemente, se procederá a abrirlos y reconocerlos». A picaresca para introducir os produtos sen pasar polos fielatos apareceu decontado coa figura do matuteiro (de matutino), unha especie de contrabandista que introducía as mercadorías clandestinamente, antes de que amencese.

A partir de 1911 comezou a debaterse no Congreso a eliminación do imposto de consumos e, dous anos despois, foi suprimido en moitos lugares. Pola contra, noutros continuou, malia as oposicións veciñais que solicitaban a súa eliminación por comodidade, estética e hixiene. A partir de 1960, aproximadamente, os industriais e comerciantes das poboacións puideron realizar as súas xestións nas oficinas municipais de depositaría.