Aguiño suma 14 anos loando ao seu cura

A asociación Francisco Lorenzo organizou tres días de actividades e fará socia de honra a Marisol Ayaso


Un ano máis, e van xa 14, os veciños de Aguiño lembrarán ao seu párroco máis ilustre, Francisco Lorenzo Mariño, cunha serie de actividades lúdicas e culturais. Terán lugar o vindeiro fin de semana, entre o venres e o domingo, e incluirán o nomeamento de Marisol Ayaso Teira, falecida a comezos do pasado mes de marzo, como socia de honra da entidade que leva o nome do cura.

Este emotivo acto formará parte do arranque da Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño (venres, 20.30 horas) e estará precedido do relatorio que ofrecerá o escritor e historiador Antonio Piñeiro baixo o título Paisaxe, orixe e arte. Aguiño como factor estético. O colofón será a actuación das pandereteiras As Sete Linguas, unha formación dirixida por Manola Valiño e xurdida no seo da entidade veciñal de Aguiño no outono do 2017.

Ofrenda floral e misa

Unha delegación do pobo ribeirense desprazarase o sábado ata o cemiterio de Porto do Son para, como vén sendo habitual, realizar unha ofrenda floral na tumba na que repousan os restos de Francisco Lorenzo. O acto, fixado para as 17.00 horas, incluirá a lectura dun manifesto e a actuación dun grupo de gaitas. Logo, na igrexa de Aguiño, celebrarase unha misa con motivo do décimo quinto aniversario da morte do cura.

Ese mesmo día, ás 20.30 horas, o Grupo Municipal de Teatro de Ribeira desembarcará no conservatorio da localidade para representar Cousas, de Castelao. Trátase da obra coa que a compañía iniciara a súa andaina, hai 22 anos, e que foi elixida para o seu regreso aos escenarios, da man do director Óscar Romero, despois dun parón.

As xornadas na honra de Lorenzo Mariño chegarán ao seu fin o domingo, cunha proposta especialmente dirixida aos máis novos da parroquia. Correrá a cargo do mago Martín Camiña, que presentará Momentos de asombro, un espectáculo con manipulación de cartas, cordas e mentalismo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Aguiño suma 14 anos loando ao seu cura