Jorge Candán: «Para enganchar o espectador non só hai que ter calidade na imaxe»

BARBANZA

ABRALDES

Subliña os beneficios que tería divulgar mellor o valor natural de Galicia

26 ene 2019 . Actualizado a las 12:40 h.

 Quedo a pé de praia con Jorge, diante deste mar doméstico que é a ría de Arousa e falamos mentres chegan, paseniño, as ondas que impoñen un ritmo acougado ás palabras. A súa ollada ten outra profundidade porque o mar para el debe de ser coma un xoguete, coma un acuario aberto que filma e fotografa cunha paciencia insondable.

-Interésame saber por que escolleu Galicia, máis concretamente esta ría para vivir e traballar.

-Galicia é un lugar privilexiado. Traballei en moitos outros sitios, moito máis cálidos, de augas máis azuis e aparentemente máis atractivas, pero a biodiversidade e o engado paisaxístico de Galicia e das rías son envexables. É un dos poucos lugares do mundo onde hai afloramentos costeiros. Isto produce unha gran riqueza biolóxica e pesqueira cunha importante incidencia na gastronomía.

-Hai na súa voz un pouso de queixa cando lle pregunto precisamente polo tema da divulgación que abrangue o seu traballo documental e fotográfico.

-Por desgraza, en España e, sobre todo, en Galicia, non se fai un esforzo para darmos a coñecer este tesouro desde un punto de vista natural. As nosas televisións emiten máis documentais da migración de ñus en África ou de quenllas en Sudáfrica ca das baleas e dos golfiños que temos a pé de porta. Noutros países faise moito máis traballo de divulgación. No seu día, David Athenborougth no Reino Unido ou Cousteau en Francia iniciaron un labor de divulgación que tivo continuidade ao longo dos anos. En España iniciouna Félix Rodríguez de la Fuente, pero ese interese pareceu marchar con el. A BBC ten unha unidade de produción exclusivamente para traballos de historia natural e estiveron en Galicia para gravaren secuencias para as dúas series documentais con máis prestixio a nivel mundial, Blue Planet I e II. Gravouse en lugares seleccionados por todo o planeta, pero repetiron en Galicia nas dúas edicións. Deron a coñecer unha pequena mostra do potencial que teñen as rías e o mar galego, potencial que nós estamos a desaproveitar. Así pois, divulgar o valor natural de Galicia, sexa mediante puro comportamento animal, ou á vez que se divulga a pesca ou a acuicultura é algo que beneficia a economía, a educación e a propia natureza. En Galicia temos todos os compoñentes necesarios para o facer, a técnica audiovisual, o coñecemento científico e, o máis importante, un ecosistema privilexiado e descoñecido. Só cómpre apostarmos pola súa divulgación e abrirmos un pouco a porta que se pechou tras a etapa de Félix Rodríguez de la Fuente».

-Seguimos a mirar os dous o mar, coma se aí estivesen todas as respostas, e pregúntolle polos aspectos máis importantes no proceso de produción dun documental.

-Creo que todas as partes son importantes. Para facer un traballo de calidade non se debe descoidar ningunha. Un documental pode perder atractivo por múltiples razóns. O público ten o listón de calidade moi alto porque as grandes producións da BBC ou National Geographic chegan a todos a través da televisión. Por iso, para enganchar o espectador non só hai que ter calidade na imaxe, senón que é preciso contar cunha banda sonora perfectamente sincronizada, composta para iso. Ademais, cómpre tamén unha voz en off axeitada para documentais e, sobre todo, traballar un bo guión. Isto é fundamental. Para comunicar unha mensaxe e mantermos a atención, non chega con ser descritivo, senón que hai que crear emocións no espectador. Non coidar o guión é a razón pola que os documentais están asociados coa sesta despois do xantar. Á hora de facer un traballo non importa se o cliente é a BBC ou un concello de Galicia, o importante é contalo espertando emocións, dá igual se é unha secuencia de golfiños na ría Arousa ou na gran barreira australiana.

Fala Jorge con rabia do futuro dos nosos océanos e repara en que a sociedade reclama unha actitude máis respectuosa co medio, loitando contra o uso irresponsable de plásticos, preocupándose pola procedencia e o método de captura dos produtos que consome. Pensa que as cousas están cambiando e proba diso é a encarga que a empresa conserveira Frinsa lle fixo para gravar o documental El legado de las rías gallegas, unha película dunha hora de duración.

-Non foi un traballo para explotar unha idea comercial, senón para enviar unha mensaxe de conservación dos nosos recursos, unha xestión sustentable, amosando ademais comportamentos descoñecidos das nosas especies, cun obxectivo puramente divulgativo. Nel implicáronse os principais organismos conservacionistas como Greenpeace, WWF e Oceana. Sei que é unha excepción, pero tamén unha mostra de que algo está a cambiar na sociedade.